Sónar Galicia 2010 ofrece un cartel con 42 actividades

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou na Coruña o Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia Sónar Galicia 2010 asegurando que “non é esaxerado dicir que é un dos festivais máis importantes do mundo, non só no eido específico da música electrónica, senón da música en xeral e con maiúsculas”. Na rolda de prensa celebrada esta mañá, o conselleiro de Cultura e Turismo estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en A Coruña, Diego Calvo; polo director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; o codirector de Sónar, Ricard Robles, e a directora xerente de ExpoCoruña, Ana Montes. O festival do Xacobeo 2010 celebrarase desde mañá e ata o sábado 19 no recinto de ExpoCoruña.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, afirmou que o Sónar “ten moito máis que música electrónica e experimental” e definiuno como un “punto de encontro e de diálogo entre as diferentes artes e a tecnoloxía máis avanzada”. O conselleiro asegurou que “tres días de Sónar son unha experiencia única e unha inmensa oportunidade para mergullarse nas expresións máis vangardistas e actuais dos sons do século XXI”.

O Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia celebrarase por primeira vez na súa historia en dúas cidades, Barcelona, a súa sede habitual, e a cidade herculina. Roberto Varela apuntou que “o Sónar duplica a súa sede e a súa capitalidade” unindo Cataluña e Galicia “a través dun Camiño de música, de cultura e de modernidade que axudará a reforzar a transcendencia internacional do Xacobeo”. O conselleiro amosou a vontade deste Xacobeo 2010 de converterse nun “sinónimo de modernidade, de proxección internacional, de interese por todo tipo de expresión artística, pola experimentación e polas novas tecnoloxías”.

Tocante a presenza de nomes galegos no programa do Sónar, o titular de Cultura asegurou que “Sónar Galicia lanza unha ollada ao traballo dos artistas galegos que están a desenvolver, investigar e experimentar cos sons máis avanzados e a música electrónica”. Asemade, o conselleiro destacou algúns nomes do cartel coruñés como Air, Delorean, LCD Soundsystem, Hot Chip ou as áreas SonarMática E SonarCinema.

Programación

Entre o a xornada do xoves e o sábado 19 de xuño, Sónar Galicia presentará un programa no que se inclúen un cento de artistas e 42 actividades, entre as que se atopan vinte concertos, trece sesións, cinco obras no apartado SonarMàtica e catro proxeccións en Sonar Cinema. A programación musical que ofrecerá Sónar Galicia durante as tres xornadas combinará grandes shows de artistas internacionais, con propostas de corte vangardista e proporá unha mirada atenta á escena musical galega.

O festival presenta actuacións de artistas internacionais como Lcd Soundsystem, que ofrecerá o seu primeiro show en España para presentar os novos temas do seu traballo This is happening; en A Coruña o grupo Air tamén presentará o seu novo disco. Pola súa banda, Laurent Garnier actuará por primeira vez en Galicia coa súa banda de directo, formada por cinco músicos, e Hot Chip, ofrecerá os temas do seu traballo One Life Stand. En Sónar Galicia, tamén estarán Matthew Herbert, Flying Lotus, Alva Noto+Blixa Bargeld, Delorean ou Broadcast. Asemade, haberá sesións do dj Sasha ou de John Talabot, xunto a unha ampla representación de artistas galegos.

Deste xeito, Sónar Galicia presenta, entre actuacións en directo e sesións de dj, un total de 14 artistas galegos, punta de lanza dunha das escenas máis activas e ricas de España. Trátase de artistas galegos que están investigando nos campos da electrónica e do pop avanzado con altas doses de talento e imaxinación. Un exemplo disto é O.M.E.GA (Orquestra de Música Espontánea de Galicia), un grupo formado por vinte músicos procedentes de diferentes disciplinas que basea o seu discurso na improvisación xestual e que combina música clásica, electrónica, free-jazz, textos e referencia aos sons do mundo e da música popular.

En Sónar Galicia tamén actuará 6pm, un dúo formado por Iván Oubiña e Raúl Mon, que ensamblan e superpoñen capas de sons cunha gran sensibilidade pop. Asemade, trala súa actuación en Sónar 2009 baixo o nome de Néboa, Javier Álvarez presenta en directo Fluzo, o seu novo proxecto xunto a Hevi, o ubicuo Mc de Santiago de Compostela.

O colectivo Arkestra é un dos máis activos dinamizadores do panorama nacional, sobre todo si se fala de hip hop instrumental e dos xéneros derivados do dubstep. Mwëslee & BFlecha son dous dos seus máis destacados representantes, e ofrecerán unha sesión a catro mans que promete vangarda rítmica para a pista de baile. Pola súa banda, o traballo de Cora Novoa ten moito que ver coas correntes da electrónica e do techno alemán, xa que vive a medio camiño entre Galicia e Berlín.

O cartel de Sónar Galicia demostra que a comunidade galega conta cunha escena de club dinámica e de alta calidade, da que xorden os djs que estarán presentes en Sónar Galicia. É o caso de Viktor Flores, veterano dj e programador da sala Vademecwm, en Vigo. Ino, Grobas e Fat Fish son tres referentes de moito peso no clubbing galego, e por outro lado, o relevo está asegurado con djs da calidade de David M, Fake Robotique, Caradeniño dj y Eme dj, todos eles presentes tamén en Sónar Galicia.

Tras 17 anos de historia e un percorrido internacional que levou ao festival a Tokio, Londres, Sao Paulo, Nova York, Roma e outras cidades do mundo, Sónar chega a Galicia para presentar o cartel mais ambicioso dende o nacemento do festival en Barcelona. A programación do Sónar Galicia será o fiel reflexo do espírito Sónar, combinando as propostas musicais de corte experimental con actuacións de artistas internacionais de recoñecida traxectoria, sempre propoñendo unha mirada atenta ao que acontece na escena musical galega. Ao igual que o seu referente barcelonés, Sónar Galicia presenta o talento que xurde do underground, propón unha escoita atenta as vangardas e, como non, invita nas súas últimas horas á festa e ao baile.

SonarMàtica Galicia

Entre os días 17 e 19 de xuño, dentro do Sónar Galicia tamén poderá visitarse SonarMàtica, unha iniciativa expositiva de arte multimedia que mostrará as obras de varios destacados artistas galegos, asociados baixo o paraugas de colectivos de creación multimedia.

A área expositiva do festival mostrará dás obras do colectivo galego Escoitar.org; dous traballos do equipo responsable de Reactable Systems e os do británico Félix Thorn. As obras de SonarMàtica Galicia poderán verse en catro espazos da planta baixa de ExpoCoruña, os tres días do festival entre as 18.00 e as 22.00 horas.

SonarCinema Galicia

O apartado SonarCinema Galicia presentará en A Coruña catro filmes, entre eles Finisterrae, a película que dá imaxe a esta edición do festival, dirixida por Sergio Caballero. Asemade, proxectaranse os documentais Amplified Gesture (producido por David Sylvian), Synth Britannia (produción da BBC sobre o nacemento do synth pop a finais dos anos 70) e Sónar Around the World, un documental sobre o festival visto desde dentro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia