O Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010 presenta 24 exposicións en Galicia

A Consellería de Cultura e Turismo, dentro do Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010, ten programadas 24 exposicións para os primeiros seis meses deste Ano Santo. A iniciativa Camiño Contemporáneo aposta polas exposicións itinerantes como fórmula para dar a coñecer os autores e a súa obra á maior cantidade de público.

O programa Camiño Contemporáneo recolle os proxectos expositivos de carácter máis actual plasmados en diversos espazos de Galicia. Unha revisión do Camiño e da figura do Peregrino a través dos ollos dos artistas máis representativos da fotografía e as artes plásticas do momento. Retratos, paisaxes, peregrinación fotográfica, visións de vangarda, estética conceptual baseadas na investigación particular sobre a alma humana e o coñecemento.

Dentro das mostras promovidas para este Xacobeo 2010, actualmente en Santiago pode contemplarse a mostra Luis Seoane. Razón e compromiso, onde se recolle de forma fiel o labor artístico deste polifacético galego. A exposición está comisariada por Carlos L. Bernárdez e Fernando M. Vilanova e ten como obxectivo facer especial incidencia nas diferentes épocas, relatos, significacións figurativas, influencias e compromiso do artista, ao longo da súa traxectoria. Con esta grande exposición preténdese render unha homenaxe a un dos intelectuais máis carismáticos e influentes de Galicia na segunda metade do século XX, ao tempo que celebrar o centenario do seu nacemento (1910).

Outra das apostas do Xacobeo 2010, neste Camiño Contemporáneo, será Lume na fonte. Antón Lamazares na domus nai, que se inaugurará o próximo 25 de febreiro en Santiago. O pintor galego exhibirá unha serie dos seus traballos máis recentes, creados en Berlín entre 2007 e 2009, nun marco incomparable como é a antiga igrexa da Compañía de Xesús, hoxe da Universidade de Santiago, copatrocinadora da mostra.

O público que visite Iacobus Gallecia, que estará ata o 3 de marzo na Casa dás Asociacións de Santiago, pode contemplar obras de autores que participaron na Expo'92 de Sevilla, entre eles Darío Basso, Berta Cáccamo, Freixanes, ou Lamazares, e que son parte dos fondos do Xacobeo. A raíz destas primeiras incorporacións, a colección de obra contemporánea do Xacobeo foise enriquecendo cos anos con pezas doutros artistas galegos como Sucasas, Antón García Patiño, Paco Pestana... que tamén estarán expostos nesta mostra. O seguinte destino de Iacobus Gallecia será o Coliseo Noela en Noia, onde estará a partir do 10 de marzo.

Mostras itinerantes

Dentro da programación de Camiño Contemporáneo encóntranse outros proxectos expositivos itinerantes como Camiño de Santiago. Unha visión dende Oriente. Tomohiro Muda, baseada nas imaxes que o fotógrafo xaponés realizou durante as súas dúas peregrinacións a Santiago. Muda declárase amante do románico francés e sobre todo do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación xacobea.

Esta mostra estivo con anterioridade en París, Tokyo, Wakayama (Xapón), e Santiago. Para o ano 2010, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vai a levala a varios concellos do Camiño de Santiago e facer chegar a estas localidades a fonda impresión que a experiencia da peregrinación produciu neste fotógrafo xaponés. A inauguración desta mostra será o próximo 2 de marzo en Palas de Rei, e logo percorrerá outras vilas galegas como Ames, Dumbría, Muxía e Fisterra.

En Ourense encóntrase a exposición antolóxica de Alfonso Costa e A mirada tamén fala. Fundación Juan Soñador. Coa montaxe desta mostras itinerantes, a consellería de Cultura e Turismo pretende facer chegar as exposicións a vilas das catro provincias galegas e dar a coñecer os autores á maior cantidade de público posible.

Exposicións de referencia

Continuando coa aposta vangardista de Camiño Contemporáneo, Xacobeo 2010 programou outras dúas ambiciosas mostras a partir do mes de maio: Pierre Gonnord. Terre de personne e Regreso ás orixes. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea.

Pierre Gonnord. Terre de personne é unha mostra fotográfica formada por unha serie de retratos individuais de diversos colectivos, nos que o autor centra a súa atención na singularidade do rostro e na mirada da persoa elixida. Pierre Gonnord. Terre de personne estará exposta en Santiago e está coorganizada por Xacobeo 2010 e a Comunidade de Madrid.

Regreso ás orixes. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea recolle imaxes da recente viaxe realizada polo fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel, acompañado do músico Alejandro González, aos tres lugares máis sagrados da Cristiandade: Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela, que quedan reflectidos a través da óptica do autor, con grandes doses de sensibilidade e da curiosidade propia dun peregrino.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia