O Grupo Compostela de Universidades promove un observatorio de expertos sobre o patrimonio do Camiño

Este proxecto, que forma parte do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, arrancou coa invitación aos expertos a integrarse no laboratorio e culminará no segundo semestre do ano coa divulgación dos resultados e fitos máis importantes das súas investigacións.

Durante os próximos meses, estes expertos universitarios afondarán nas metodoloxías de catalogación e identificación do patrimonio material e inmaterial do Camiño de Santiago, comezando polo existente en Galicia. Ademais outorgarán visibilidade aos avances e novidades científicas relacionadas con estas temáticas no eido da cultura, as ciencias xurídicas e socias, e as humanidades. Co propósito de desenvolver este labor, os académicos manterán reunións a fin de planificar as liñas de investigación e coordinar os traballos e iniciativas.

Finalmente, os froitos do estudio académico dos expertos de CamiñoLab serán presentados á comunidade universitaria e divulgados á sociedade mediante a organización dun congreso científico, previsto para setembro de 2021. Neste evento abordarase tamén o plan de sustentabilidade do proxecto e a difusión dos seus resultados, que inclúe a creación dunha páxina web e a publicación de artigos en medios científicos especializados.
Universidade de Santiago de Compostela