O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reivindica o Camiño Primitivo en Lugo

O alcalde de Santiago estivo acompañado neste percorrido pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o alcalde de Oviedo, Wenceslao López. Tamén participaron os alcaldes de Baleira, Ángel Enrique Martínez-Puga; Castroverde, Xosé María Arias; o tenente de alcalde da Fonsagrada, José Ángel Fernández; e edís de todos os grupos da corporación municipal de Lugo.

Martiño Noriega amosou a súa satisfacción "por representar a Compostela nun acto no que se reivindica a importancia do Camiño Primitivo, e coincidindo cunhas festas tan arraigadas como as de San Froilán". Tamén lembrou que foi o pregoeiro das festas de San Mateo de Oviedo, precisamente "para poñer en valor esta ruta".

Despois do percorrido polo Camiño Primitivo, o alcalde de Santiago participou nunha recepción oficial no Concello de Lugo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo un chamamento a poñer en valor o Camiño de Santiago máis antigo, o Primitivo, que a UNESCO declarou Patrimonio da Humanidade o ano pasado. A rexedora incidiu en que o acto de hoxe serve para que os concellos de Lugo, Oviedo e Santiago fagan "fronte común para blindar tanto a historia como o presente e o futuro do Camiño de Santiago", e para buscar o impulso cultural, social, patrimonial, e turístico da ruta primitiva, ofrecendo iniciativas conxuntas entre as tres corporacións municipais. Lara Méndez tamén adiantou a intención do goberno lugués de oficializar o Día do Camiño Primitivo dentro das Festas de San Froilán.

Pola súa banda, o alcalde de Oviedo, Wenceslao López, propuxo a creación dunha rede de municipios do Camiño Primitivo, na que Lugo, Oviedo e Santiago actúen como motor para impulsar este percorrido "que o primeiro peregrino, Afonso II, fixo desde a capital asturiana ata Compostela pasando por Lugo".
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela