Xornalistas de Irish Magazine visitan Galicia para divulgar a oferta turística

Un xornalista e un fotógrafo da publicación irlandesa Irish Magazine visitan Galicia co obxectivo de coñecer parte da oferta turística da Comunidade galega. Esta viaxe, organizada por Turismo de Galicia, ten como finalidade dar a coñecer o destino galego e a súa oferta turística en Irlanda, país do que cada vez proceden máis visitantes para a Comunidade.

Neste sentido, nos primeiros catro meses do ano 2016, visitaron Galicia un total de 7.010 persoas procedentes deste país, fronte aos 5.640 do mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento do 24,29% nos turistas procedentes de Irlanda.

Os periodistas convidados coñecerán de primeira man os reclamos turísticos da Comunidade e plasmarán a súa experiencia en varias reportaxes que se publicarán na referida revista para explicar Galicia como destino aos seus lectores.

O obxectivo destas viaxes é conseguir un mellor coñecemento da oferta existente nun lugar a nivel turístico e así poder contalo dende un punto de vista persoal e reproducindo experiencias de forma directa e detallada.
Incremento de peregrinos irlandeses

En canto ao Camiño de Santiago, dos 262.516 peregrinos que chegaron a Compostela en todo o ano 2015, 5.367 foron irlandeses, o que supón un 2,04% do total de peregrinos recibidos.

As previsións para 2016 apuntan a que esa cifra será superior posto que no que vai de ano xa se contabilizaron máis de 3.600 peregrinos desta nacionalidade, o que supón un 2,5% máis que no mesmo período do ano anterior e un 2,8% do total de peregrinos que chegaron a Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia