Turismo deseña menús saudables nos balnearios e un programa de termalismo para os peregrinos aloxados

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou os programas ‘Menús Saudables’ e ‘Un descanso nos Camiños’, dúas novas iniciativas que están dispoñibles nos balnearios da nosa comunidade e incrementan a calidade dos seus servizos. Ao acto tamén asistiron a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, e representantes da Asociación de Balnearios de Galicia.

O programa ‘Menús Saudables’ dispón 15 menús e máis de 80 receitas saudables, elaboradas polo profesorado do CSHG, que se ofrecerán aos viaxeiros aloxados nos balnearios galegos. A iniciativa foi elaborada por Turismo de Galicia coa colaboración de Balnearios de Galicia e o Centro Superior de Hostalería e avoga por un turismo de saúde con gastronomía de calidade.

A través de ‘Un descanso nos Camiños’, os balnearios situados nos municipios polos que discorren as Rutas Xacobeas ofrecen aos peregrinos un programa especial que inclúe tanto aloxamento como tratamentos termais. Polo tanto, a proposta combina o Camiño de Santiago, recurso turístico estrela de Galicia, cos recursos naturais e culturais que ofrece o termalismo.

Nava Castro destacou que estes innovadores programas combinan tres das grandes fortalezas de Galicia como destino —o termalismo, a gastronomía e o Camiño de Santiago— e apostan pola nosa comunidade como un destino multiexperiencial.

A directora explicou que Galicia xa ten en marcha un ambicioso Plan Termal dado que, no conxunto de España, a nosa comunidade ocupa o primeiro posto tanto en número de balnearios (con 21), como en establecementos termais distinguidos coa Q de calidade. Así mesmo, lembrou que a gastronomía é a segunda motivación dos turistas para visitar Galicia.

Poñendo como mostra estes programas, a directora aproveitou para resaltar a importancia de “traballar da man do sector” xa que a colaboración público-privada é esencial para a mellora da competitividade, da oferta e da calidade dos servizos turísticos galegos con iniciativas coma as que hoxe se presentaron.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia