O Castelo de Pambre convértese nun novo referente na Ruta Xacobea tras a súa rehabilitación

A finalización das obras de rehabilitación do Castelo de Pambre converten a esta edificación nun novo referente patrimonial no Camiño de Santiago e un flamante reclamo turístico da provincia de Lugo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou este monumento no que o departamento da Xunta que dirixe investiu 2.100.000 euros nas obras de rehabilitación e actuacións complementarias.

Na súa estadía en Palas de Rei, concello no que está situado este edificio histórico, Nava Castro fixo un repaso polas obras levadas a cabo no interior do recinto fortificado, e que consistiron na realización de “intervencións arqueolóxicas, a recuperación das estruturas murarias, o acceso a todas as zonas importantes da fortificación e á rehabilitación da zona residencial existente”.

Ademais, Turismo de Galicia realizou distintas actuacións complementarias relacionadas coa mellora da contorna e do acceso ao castelo, que tamén foron visitadas pola titular do departamento de promoción turística da Xunta.

Varandas, iluminación e sinalización

A directora de Turismo de Galicia referiuse aos traballos de colocación de varandas nos desniveis dos percorridos do recinto, “encamiñadas a realizar os percorridos adaptados de xeito máis seguro”.

Canto á iluminación exterior, Nava Castro, manifestou que os traballos realizados por Turismo de Galicia potenciarán a vista do castelo no horario no que a luz diúrna non permita observalo e percorrelo, “dotándose dunha serie de solucións en iluminación led que permitan a súa contemplación e visitar as distintas zonas”.

Outras das actuacións complementarias refírense á instalación de protección contra o raio e á sinalización de percorridos e elementos singulares, de xeito que “se facilite a comprensión do castelo, os seus percorridos, as súas partes, estancias e localización das mesmas no exterior”.

Por último, neste ámbito, Nava Castro sinalou as obras de reconstrución e rehabilitación do hórreo que existía no interior da fortificación e as de cubrimento das pasarelas, “para facilitar o percorrido na contorna do recinto entre as murallas das torres e o torreón de maneira que as visitas se fagan máis confortables nos momentos de climatoloxía adversa”.

Centro de Interpretación do Castelo

Este inmoble contará cun espazo destinado a Centro de Interpretación do Castelo, o cal estará integrado en catro salas distintas. A primeira sala integrará a proxección multimedia e a seguinte ilustrará a relación do Castelo co medio físico e natural facendo fincapé co vínculo que ten co Camiño de Santiago. Na terceira sala incorporarase a información sobre a Idade Media Galega relacionada coas familias nobiliarias e o poder eclesiástico e finalmente a última sala destinarase ao propio Castelo e a súa historia ata os nosos días.

O Castelo de Pambre no Camiño de Santiago

Na súa visita ao Castelo de Pambre, a directora de Turismo de Galicia referiuse a este monumento como “punto estratéxico do Camiño Francés de Santiago”, engadindo que o ano pasado chegaron a Compostela 262.515 peregrinos, “o rexistro máis alto nun ano non Santo”. Segundo explicou Nava Castro, esta cifra supuxo un incremento de peregrinos de máis do 10% en relación ao mesmo período do ano 2014. A titular de Turismo de Galicia lembrou que o pasado ano, un total de 172.243 peregrinos realizaron o Camiño Francés.

No primeiro mes deste ano, xa foron 1.307 peregrinos os que recolleron a Compostela ao finalizar o Camiño de Santiago. Isto supuxo un aumento do 7,4% en relación ao mes de xaneiro do pasado ano.

O Camiño máis utilizado neste período foi o Camiño Francés e xunto cos peregrinos de nacionalidade española, neste primeiro mes do ano destacan os centos de coreanos que deciden embarcarse nesta inigualable experiencia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia