O proxecto 'Camiño creativo' impulsará unha vintena de proxectos de mentorización para desenvolver ideas de negocio no eido do sector cultural

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación de O Camiño Creativo. Xacobeo Emprende! De Madrid a Santiago. Un Camiño para Emprendedores Creativos, iniciativa que impulsará unha vintena de proxectos de mentorización para desenvolver ideas de negocio no eido do sector cultural. Trátase dunha iniciativa organizada desde a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España que se celebrará este verán e que está dirixida a profesionais do sector como artistas, poetas, músicos ou investigadores.

O representante da Xunta de Galicia salientou a importancia de fomentar o emprendemento no sector cultural, con especial atención nos novos talentos. “Esta iniciativa é unha oportunidade para apoiar aos novos creadores co fin de que poidan desenvolver os seus proxectos e ideas”, explicou Anxo M. Lorenzo. Neste sentido, trasladou que é fundamental que os territorios sexan capaces de xerar valor “vinculando os seus recursos á actividade cultural e facilitando que se poñan en marcha iniciativas innovadoras e creativas”.

Camiño Creativo celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de promover novos modelos de negocio e xerar riqueza e emprego no sector da creatividade ao tempo que se reactivan os sectores económicos tradicionais. Así mesmo, a iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén procura favorecer a cohesión social a través do diálogo intercultural, preparar á mocidade para asumir o liderazgo na economía creativa, promover a difusión de coñecemento, a creatividade e espírito emprendedor e impulsar unha educación cultural aberta á sociedade.

Os interesados en participar nesta primeira edición poderán inscribirse na convocatoria que se publicará no espazo web da iniciativa. Os seleccionados percorrerán durante o mes de xullo o Camiño de Inverno desde Ponferrada en 10 etapas nas que poderán desenvolver a súa idea de negocio coa axuda de titores a través de oito talleres formativos que serán gratuítos para todos os asistentes.
R.