Galicia presenta en Fitur o Xacobeo 2021 como un proxecto de toda España, chamado a ser o mellor Xacobeo da historia

Nesta liña, salientou que a Xunta conta cun departamento de Cultura e Turismo traballando a pleno rendemento; co compromiso de que a alta velocidade será unha realidade na Comunidade para o vindeiro ano santo; cun novo Plan de mellora de aloxamentos turísticos para seguir facendo de Galicia un destino máis competitivo, que aposta pola calidade e a excelencia como selo de identidade; e con facilidades económicas para todos aqueles que queiran apoiar o evento, a través do programa de beneficios fiscais para patrocinadores, despois de que fose declarado acontecemento de excepcional interese público.

Así mesmo, resaltou que se está a traballar tamén no acondicionamento dos Camiños que levan a Compostela, dotándoos con máis servizos e facéndoos máis accesibles, “convencidos de que as rutas xacobeas son unha experiencia para todos, na que non exista ningún tipo de barreira”, asegurou, subliñando o acordo coa ONCE que facilitará a peregrinación ás persoas invidentes. Ademais de avanzar no impulso de toda unha programación cultural que inclúe a segunda edición do festival O Son do Camiño, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xuño en Santiago.

Por outra banda, e para todos aqueles galegos que queiran sentirse partícipes, a Administración autonómica ten deseñado o Programa Tu Xacobeo, co obxectivo de que poidan realizar as súas achegas.

Galicia, un destino diverso e posible todo o ano

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego incidiu en que a estratexia turística que se está a preparar para o Xacobeo baséase no Depende: “Depende do cando. Do quen. Do con quen. Incluso do canto”, afirmou, destacando que os visitantes poden elixir entre o turismo máis relixioso que ofrecen Viveiro ou Ferrol, coa súa Semana Santa recoñecida internacionalmente; as festas máis pagás como os entroidos, incluído o de Xinzo, declarado esta semana como Festa de interese turístico internacional; ou o turismo máis contemplativo que hai detrás das tres candidaturas coas que Galicia opta a Patrimonio da Humanidade –a Ribeira Sacra, o Parque Nacional das Illas Cíes-Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración-.

Neste mesmo sentido, referiuse a un turismo máis activo que garanten novos produtos como os percorridos polos centros históricos; un novo itinerario que se suma aos minicruceiros polas Rías Baixas e que permitirá aproximarse por mar a gran parte dos vestixios fenicios que se conservan; ou a primeira ruta atlántica de turismo de submarinismo que comeza a tomar forma –un proxecto conxunto entre Galicia, Portugal, Reino Unido e Irlanda-.

“Poden decantarse tamén por un turismo musical que queremos reforzar a través da marca Fest Galicia; por un turismo histórico e tradicional; ou por unha Galicia moderna con novas e ambiciosas apostas de futuro como a Cidade da Cultura”, engadiu, facendo fincapé no obxectivo de converter Galicia nun destino diverso e posible todo o ano. Non en van, Ourense é a provincia cunha maior evolución no número de turistas recibidos e, ademais, subiu o peso do turismo na temporada baixa.

Feijóo concluíu destacando o peso do turismo na economía galega que xa supón o 10,4% do PIB e que dá traballo a un 7,4% máis de persoas que fai un ano.

Despois dun 2017 histórico –no que se bateron marcas en practicamente todos os indicadores-, no 2018 logrouse consolidar esas cifras. Así, os 4,8 millóns de turistas que Galicia recibiu o ano pasado son un 25% máis dos que se rexistraron fai un lustro, ademais de mellorar de forma paralela a ocupación, a estancia media, as tarifas hoteleiras e, en definitiva, a rendibilidade do sector.

Diante destas cifras, o presidente da Xunta afirmou que os próximos anos serán claves para que Galicia siga sendo o mellor destino da España verde, integrado polas comunidade do norte peninsular.
R.