A etapa 10, de 30 km, lévanos da montaña á chá, do Cádavo a Lugo, pasando por Castroverde. Neste tramo, Vilabade é un remanso de paz. E Soutomerille tan só ruínas agardando ser rescatadas do esquecemento. En Castroverde goberna os ceos a sœa monumental torre, soñando resucitar á vida para seguir vixiando o Camiño. A nosa ruta chega á cidade máis antiga de Galicia, a bimilenaria Lucus Augusti, Lugo. Pasando o Alto da Vacariza, chégase a Vilabade, onde houbo unha comunidade franciscana dedicada, desde mediados do século XV, a atender ós peregrinos. Daquel convento consérvase a igrexa, declarada monumento nacional… De estilo gótico, de mediados do s. XV, ten unha única nave e presbiterio cuberto de bóveda de crucería, reformado no XVII por Diego Osorio Escobar, arcebispo de Puebla e virrei de México. Pero o antigo Camiño, o aínda chamado Camiño Francés, ou calzada principal, ía de O Cádavo a Castroverde por A Frairía e Vilalle, ao tempo que o desvío polo camiño real de Vilabade co seu mosteiro franciscano non subía ao Porto da Vacariza senón que comunicaba directamente desde O Cádavo pola ermida do Carme. Hai constancia da existencia do pobo desde finais do século IX, como parte do condado de Trastámara, e sábese dun hospital de peregrinos desde finais do XIII. De Castroverde a Lugo, San Miguel do Camiño, Souto de Torres, Santa María de Moreira (onde hai unha “Leira do Camiño de Santiago”) e Vilar de Cas. Aquí, en Vilar de Cas, unha de tantas desviacións do camiño… Unha vía iría por Paderne, Romeán e Báscuas. A outra, a principal, por Soutomerille e Gondar, que logo foi decaendo. Soutomerille, en tempos importante núcleo de poboación, tivo mosteiro, conserva igrexa prerrománica, con reformas de comezos do XVII, e monumentais casas. Pero hoxe só é silencio. A CIDADE DE LUGONa cidade de Lugo, o Camiño entraba pola Chanca e subía polo Carril das Flores, entrando ó recinto amurallado pola Porta de San Pedro ou Toledana. Atopaban alí o primeiro hospital, o de Santa Catarina. Velaquí o novo albergue de peregrinos no Camiño Primitivo, na cidade de Lugo.
Nunha primeira fase, as hortas do pazo bispal desviaron a rota xacobea pola rúa dos Cregos, facendo a entrada á catedral pola fachada principal. Posteriormente, o acceso pasou a efectuarse pola Praza de Santa María e pola Porta Norte, chamada por iso dos Perdóns. Nas súas inmediacións había un hospital.
Pezas monumentais indispensables na xeografía lucense son o claustro gótico do antigo convento franciscano, hoxe ocupado por dependencias do Museo Provincial, a igrexa deste mesmo convento, o convento de Santo Domingo, a Igrexa de San Froilán ou o pazo do Concello de Lugo, de 1738.
Había Albergues-Hospitais na Porta Miñá (San Miguel), na Praza do Ferrol (San Bartolomé), outro na Raíña-Dr. Castro, e o último en San Lázaro. A rede hospitalaria lucense foi ampla, tanto no Burgo Vello como no Burgo Novo, incluíndo distintas albergarías e casas arredor da Catedral. |
|||