A etapa 10, de 30 km, lévanos da montaña á chá, do Cádavo a Lugo, pasando por Castroverde. Neste tramo, Vilabade é un remanso de paz. E Soutomerille tan só ruínas agardando ser rescatadas do esquecemento. En Castroverde goberna os ceos a sœa monumental torre, soñando resucitar á vida para seguir vixiando o Camiño. A nosa ruta chega á cidade máis antiga de Galicia, a bimilenaria Lucus Augusti, Lugo.
Pasando o Alto da Vacariza, chégase a Vilabade, onde houbo unha comunidade franciscana dedicada, desde mediados do século XV, a atender ós peregrinos.
Daquel convento consérvase a igrexa, declarada monumento nacional… De estilo gótico, de mediados do s. XV, ten unha única nave e presbiterio cuberto de bóveda de crucería, reformado no XVII por Diego Osorio Escobar, arcebispo de Puebla e virrei de México.
O retablo barroco é de 1759, obra de Francisco Lens, e está presidido por unha imaxe de Santiago Matamouros. O fermoso pórtico da igrexa, neoclásico, é produto dunha remodelación.
Á súa beira, pechando a praza, o Pazo de Abraira-Arana, a Casa Grande de Vilabade, dedicado ó turismo rural. Erixido por Diego Osorio para o seu retiro, compleméntase coa capela de Nosa Señora do Carmen, que acollía a Confraría da Virxe tamén fundada polo Virrei de México.
Pero o antigo Camiño, o aínda chamado Camiño Francés, ou calzada principal, ía de O Cádavo a Castroverde por A Frairía e Vilalle, ao tempo que o desvío polo camiño real de Vilabade co seu mosteiro franciscano non subía ao Porto da Vacariza senón que comunicaba directamente desde O Cádavo pola ermida do Carme.
A capitalidade do concello, Santiago de Castroverde, Santiago de Vilariño na súa denominación relixiosa, ten igrexa dedicada ó Apóstolo, e torre da homenaxe do vello castelo dos Lemos, que logo foi dos Altamira, que sube ó ceo desde o século XIV.
Hai constancia da existencia do pobo desde finais do século IX, como parte do condado de Trastámara, e sábese dun hospital de peregrinos desde finais do XIII.
De Castroverde a Lugo, San Miguel do Camiño, Souto de Torres, Santa María de Moreira (onde hai unha “Leira do Camiño de Santiago”) e Vilar de Cas.
Aquí, en Vilar de Cas, unha de tantas desviacións do camiño… Unha vía iría por Paderne, Romeán e Báscuas. A outra, a principal, por Soutomerille e Gondar, que logo foi decaendo.
Soutomerille, en tempos importante núcleo de poboación, tivo mosteiro, conserva igrexa prerrománica, con reformas de comezos do XVII, e monumentais casas. Pero hoxe só é silencio.
En Gondar houbo un importante hospital, que en 1369 se permutou ó convento de A Nova xa que os peregrinos preferían o novo trazado por Romeán e Báscuas. O edificio sobreviviu ata comezos do século XX.
Unha “Costa francesa”, evidencia do Camiño, unía Gondar con Báscuas. E de aí o camiño ía por Carballido (que garda un Santiago peregrino do século XV), polo Santiago de Fóra (Parroquia de Santiago de Castelo, na actualidade), á vella Lucus Augusti.
Na cidade de Lugo, o Camiño entraba pola Chanca e subía polo Carril das Flores, entrando ó recinto amurallado pola Porta de San Pedro ou Toledana. Atopaban alí o primeiro hospital, o de Santa Catarina.
Velaquí o novo albergue de peregrinos no Camiño Primitivo, na cidade de Lugo.
Os viaxeiros pasaban pola Rúa de San Pedro. Ó final desta rúa está a capela do Sancti Jacobi, que aínda na actualidade é a parroquia de Santiago, A Nova. Esta parroquia, incluíndo o Santiago de Fóra, está entre as fundacionais da igrexa lucense.
Seguían pola que hoxe é a Praza Maior, en tempos Cortiñas de San Román, onde a cidade de Lugo situou a sede do seu Concello.
Nunha primeira fase, as hortas do pazo bispal desviaron a rota xacobea pola rúa dos Cregos, facendo a entrada á catedral pola fachada principal. Posteriormente, o acceso pasou a efectuarse pola Praza de Santa María e pola Porta Norte, chamada por iso dos Perdóns. Nas súas inmediacións había un hospital.
Os peregrinos oraban diante do Santísimo permanentemente exposto na Catedral lucense, diante da imaxe románica da Nosa Señora dos Ollos Grandes e, naturalmente, na capela de Santiago. A Catedral, comezada a erixir polo mestre Raimundo en 1129, é un fermoso conxunto dos estilos románico, barroco e neoclásico.
Pezas monumentais indispensables na xeografía lucense son o claustro gótico do antigo convento franciscano, hoxe ocupado por dependencias do Museo Provincial, a igrexa deste mesmo convento, o convento de Santo Domingo, a Igrexa de San Froilán ou o pazo do Concello de Lugo, de 1738.
E a súa muralla romana, que abraza a cidade histórica e ofrece un orixinalísimo paseo elevado polo seu adarve, á que hai que sumar as históricas termas, herdanza de Roma, á beira do río Miño, onde tamén existe unha ponte chamada romana porque romana foi a súa traza inicial.
Había Albergues-Hospitais na Porta Miñá (San Miguel), na Praza do Ferrol (San Bartolomé), outro na Raíña-Dr. Castro, e o último en San Lázaro. A rede hospitalaria lucense foi ampla, tanto no Burgo Vello como no Burgo Novo, incluíndo distintas albergarías e casas arredor da Catedral.