Santiago de Compostela celebra el 30º aniversario de la declaración de la capital gallega Patrimonio de la Humanidad

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del Concello de Santiago de Compostela:

O Concello vai celebrar o 30º aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, cun acto que se celebrará o martes 29 de decembro no Centro Galego de Arte Contemporánea. Un dos seus protagonistas será o que fora alcalde de Santiago en 1985, Xerardo Estévez, que pronunciará unha conferencia titulada "Cidade histórica e Camiño, un mesmo porvir". Ademais, están previstas as intervencións do alcalde compostelán, Martiño Noriega, e dos voceiros da oposición: Rubén Cela (BNG), Paco Reyes (PSOE) e Agustín Hernández (PP). O acto, que se quixo afastar da campaña electoral, foi consensuado pola Xunta de Voceiros, para deixalo á marxe de debates partidarios. A el está invitada a cidadanía en xeral, pero sobre todo os representantes do tecido asociativo da Cidade Histórica.

O alcalde explicou que o acto está concibido coma "un exercicio de memoria e unha rendición de contas, pero tamén como un momento no que enfocar novos retos para os vindeiros anos". Para Martiño Noriega, eses novos retos pasan por ter unha cidade vivida, porque "de nada vale ter unha cidade moi bonita, se non é habitada polas persoas". Nesa liña, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lembrou que a Cidade Histórica perde cada ano un 1% dos seus habitantes. Jorge Duarte insistiu en que "a zona vella non pode estar pensada para os turistas, e por iso o obxectivo do Goberno é garantir o seu uso residencial, mellorando a calidade de vida dos seus veciños". O edil entende que nestes 30 anos xa se conseguiu divulgar o valor do patrimonio, e "agora toca entender que tan importantes como as pedras son as persoas".

O acto do 29 de decembro enmárcase nunha campaña que leva por lema "Santiago no corazón, os corazóns de Compostela", en referencia ás persoas que teñen que "vivir" a nosa cidade, sobre todo a parte histórica. Ao seu abeiro, o Concello vai remitir aos domicilios unha publicación na que se fai unha relectura destes 30 anos desde a declaración de Compostela como Patrimonio da Humanidade, con textos asinados polo alcalde e polos voceiros dos catro grupos da corporación municipal.

A UNESCO declarou a Santiago de Compostela Patrimonio da Humanidade o 4 de decembro de 1985, sendo alcalde Xerardo Estévez. Ese título élle concedido a determinados lugares e monumentos do planeta que sen consideren de valor cultural ou natural universal excepcional, co fin de catalogalos, preservalos e dalos a coñecer para a herdanza común da humanidade.

A declaración afecta a toda a cidade histórica e, polo tanto, non só aos seus monumentos senón tamén aos seus barrios extramuros, ao seu caserío, ás súas vivendas, ás súas rúas e ás súas xentes, En definitiva, ao seu carácter de cidade habitada que entre todas as administracións e a cidadanía debemos seguir preservando no futuro. A decisión da UNESCO supuxo o inicio dun proceso crecente de valoración do propio por parte da sociedade compostelá e galega, unha enorme proxección internacional, e a consolidación de Santiago como destino turístico cultural.

Coa declaración de Compostela como Patrimonio da Humanidade comezaron dúas décadas de políticas de protección e rehabilitación da Cidade Histórica, que arrancan en 1989 coa aprobación do primeiro gran Plan Xeral Municipal contemporáneo. A creación do Consorcio de Santiago e o inicio da súa actividade en 1994, a aprobación do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica en 1997 completaron unha próspera xestión, que se consolidou en 2004 coa Oficina da Cidade Histórica e de Rehabilitación do Concello de Santiago.

Agora ábrese un novo capítulo, coa revisión do Plan Especial e a redacción dun Plan de Xestión para a Cidade Histórica. Os seus obxectivos fundamentais deben ser frear a perda da identidade social da cidade e a protección dos residentes , e afianzar o marcado carácter cultural que se lle conferiu durante estas dúas décadas á xestión da zona vella de Compostela.

Fotografía: Gabinete de Comunicación del Concello de Santiago de Compostela
R.