El Gobierno central resuelve las principales dificultades del Plan Director de la Catedral de Santiago inyectando 17 millones de euros para su restauración de cara al próximo Año Santo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a nova achega do Goberno de España de 17 millóns de euros para as obras e restauración da Catedral de Santiago, xunto co Plan director elaborado desde 2009 e cun amplo horizonte temporal de 12 anos, permitirán que siga sendo “a nosa grande obra colectiva”, ao tempo que sitúa este monumento “onde merece estar, na elite das máis excelsas catedrais europeas”.

Durante a sinatura do protocolo de colaboración para actuacións de restauración no conxunto catedralicio de Santiago no que participaron, ademais do titular da Xunta, o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, o alcalde da cidade, Agustín Hernández, e o deán-presidente do Cabido da Catedral, Feijóo aseverou que a implicación do Goberno central marcará “un antes e un despois no desenvolvemento do Plan director do conxunto patrimonial que mellor representa o destino internacional da cultura galega”. “E faino –dixo-, a través deste protocolo que acabamos de asinar hoxe, no que todos nos comprometemos a colaborar na conservación da Catedral de Santiago, para poñela á disposición da humanidade enteira”.

“A Catedral deunos moito, moitísimo, a todos os galegos, e por iso estamos aquí, facendo gala dunha magnífica colaboración institucional, para expresar con feitos o noso agradecemento para sempre”, incidiu, logo de lembrar o compromiso da Xunta con este monumento, reflectido nos máis de seis millóns de euros que os distintos gobernos galegos destinaron, desde 1.985 e ata o ano 2008 a obras de conservación e restauración deste histórico edificio, en zonas como a fachada de Praterías ou no enreixado do Obradoiro.

Feijóo referiuse, tamén, ao Plan director da Catedral, para cuxo desenvolvemento o Executivo autonómico e a Fundación Catedral xa achegaron, entre o que se leva executado e o comprometido, preto de 6 millóns, investidos en actuacións como a restauración da fachada da Acibechería ou a Torre do Reloxo, xa realizadas; a restauración das torres da fachada central, en execución; ou a da Peineta, prevista para 2015. E destacou que debido á dureza do pasado inverno, que afectou seriamente o edificio, a Xunta acaba de revisar o plan de actuacións de restauración.

Se ben “nunca saberemos como terían sido nin a historia de Galicia, nin boa parte da historia de España, nin unha boa parte da historia de Europa e o mundo sen a existencia da Catedral e do Camiño”, o presidente autonómico aseverou que “si sabemos que a Catedral axudou decisivamente a conformalos e a darlles nobres obxectivos, que se renovan con cada peregrino que chega a Compostela”.

“A Galicia, a nosa Catedral estalle lembrando sempre que é unha terra-pórtico, onde os muros son contrarios á súa natureza. A nosa vocación é recibir, é acoller culturas, é servir de nave central a unha coral de sentimentos e identidades”, aseverou. “Grazas á herdanza xacobea, sentímonos máis libres formando parte de grandes ideas, formando parte de grandes realizacións e, en consecuencia, formando parte de grandes horizontes”, dixo, para engadir que “a España, a nosa Catedral lémbralle que os momentos de incerteza son superables cando o rumbo está claro”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que se agora podemos admirar unha obra “completa e harmónica”, é porque houbo homes e mulleres que non se resignaron. “Xurdiu entón un incipiente galeguismo, que non se conformaba con imaxinar un país, senón que quería algo máis; quería crealo”, lembrou, insistindo en que é ese compendio entre pensamento e acción o que fai que un pobo sexa forte, “que non se perda nin na especulación estéril, nin no pragmatismo frío”.

O presidente da Xunta referiuse á Catedral de Santiago como “unha vitoria sobre o tempo, o triunfo da vontade humana” e demostra “que a tenacidade pode ser invencible”. “Foi e seguirá a ser a nosa grande obra colectiva, a demostración do noso desexo de perdurar e de estreitar a man cos demais pobos do mundo”, concluíu.
R.