Arranca la campaña de comercialización del turismo gallego en España para 2011

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura e Turismo, por medio de Turgalicia, inicia o día 1 de marzo en Alicante a campaña de presentacións e comercialización da oferta turística galega para o ano 2011, que se estenderá ata o día 7 de abril por seis cidades españolas. O eixo principal da campaña é a comercialización dos produtos turísticos galegos a través das propias empresas turísticas e a promoción dos recursos de Galicia.

Turgalicia organizará unha misión comercial na que participarán unha media de 30 empresarios galegos, que se reunirán con representantes do sector turístico dos contornos das cidades visitadas: Alicante, Murcia, Terrassa (Barcelona), Palma de Mallorca, Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria.

Este ano, a presentación do turismo galego centrarase na promoción de de Galicia como un destino diferenciado, aproveitando a nova marca turística da Comunidade galega, con produtos propios e dos que o visitante poderá gozar de distintos xeitos. Promocionaranse de xeito especial o Turismo de Saúde, o Turismo de Natureza, o Turismo Cultural e as cidades. Ademais, incidirase na promoción de produtos como o golf e a náutica.

Nun eido tan competitivo como a promoción turística, Galicia, a través de Turgalicia, adopta esta tempada un novo xeito de comunicación, co obxecto de cativar a atención dos operadores das cidades visitadas, por medio dun cóctel-espectáculo orixinal que contará con distintas actividades que promoverán a participación dos asistentes, operadores turísticos e profesionais do sector, dun xeito lúdico.

Ao obxecto de difundir os valores da marca turística de Galicia e do Camiño de Santiago, como un dos elementos con máis capacidade para atraer visitantes cara a Galicia, Turgalicia presentará un espectáculo que recreará o backstage dun pase de modelos no que a roupa deste será a que forma parte do atuendo habitual do peregrino: botas, pantalón, camisa, calcetíns, cinto, gorra, chuvasqueiro e bastón. Así, os asistentes poderán escoller e conformar cadanseu modelo.

Estas presentacións lévanse a cabo co obxecto de promover os encontros profesionais, onde entra en contacto o sector turístico galego coas canles de comercialización das axencias de viaxes e transportes, maioristas, así como con autoridades turísticas locais e medios de comunicación.

Estes encontros causan gran aceptación entre os representantes turísticos das cidades visitadas e constitúen un dos medios máis directos para informar da oferta turística galega aos axentes de comercialización. Por outra parte, en cada presentación ten lugar tamén unha degustación da gastronomía galega.

Ademais, para incentivar os encontros profesionais, sortearanse varios premios entre os axentes turísticos das cidades visitadas que achegarán os propios profesionais galegos. Pola súa parte, Turgalicia sorteará un viaxe por Galicia para tres persoas.

R.