La exposición de Cándida Höfer, Espazos Propios, completa 30 años de retratos de conjuntos históricos en la fotografía universal

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou a exposición Espazos Propios de Candida Höfer, incluída no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, e que pode verse ata o 16 de xaneiro en dous espazos expositivos: o Mosteiro de San Martiño Pinario e a Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia. Roberto Varela, destacou a exposición, enmarcada tamén no Ano do Libro e da Lectura en Galicia como “un acontecemento cultural fundamental dentro das celebracións deste Xacobeo 2010”.

No acto de presentación tamén estiveron presentes a fotógrafa alemá Candida Höfer; o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, e o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez Varela. O conselleiro de Cultura afirmou na súa intervención que “dalgunha forma, os lugares de Galicia que retratou Candida Höfer xa lle son propios” e que, deste xeito, “únense a enorme colección de espazos que ten retratado desde hai máis de 30 anos e que configuran un dos conxuntos artísticos máis interesantes e atractivos da historia recente da fotografía universal”. O conselleiro valorou asemade o “minucioso traballo que comezou hai meses coa selección dalgúns dos lugares máis emblemáticos da nosa cultura por parte da artista”. Roberto Varela animou ao colectivo a visitar a mostra da fotógrafa alemá e advertiu que “debemos estar preparados para descubrir a intensa beleza do mundo a través de Espazos propios”.

Segundo o conselleiro de Cultura, a mostra de Candida Höfer “é por si mesma un referente artístico de nivel internacional e constitúe un obxecto de atención inescusable para calquera amante da fotografía”. Roberto Varela remarcou o interese da obra ao asegurar que “unha das mellores fotógrafas contemporáneas vertebra un proxecto cun foco principal en espazos públicos de Galicia”.

Pola súa banda, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou a gran calidade do traballo que nos ofrece unha das fotógrafas con maior proxección internacional e que nesta ocasión “vertebrou ao redor do Camiño de Santiago unha serie de imaxes que falan por si soas, falan de espazos e lugares relacionados coa tradición cultural, espazos baleiros de xente que nos invitan a mergullarnos neses lugares”.

O traballo que presenta Candida Höfer, deseñado para este Ano Santo e comisariado polas galegas Ángeles Blanco e Marta Gerveno, está composto por un total de 83 imaxes no que se define como “unha peregrinación fotográfica” desde a perspectiva da artista en diferentes espazos que teñen en común ser lugares de intercambio cultural, de representación da literatura oral, e tamén arquivos e bibliotecas, co obxectivo de enmarcar o carácter transnacional dunha das máis antigas redes de comunicación e transmisión cultural como é o Camiño de Santiago.

Así, nesta exposición, patrocinada por Telefónica e coa colaboración do Arcebispado de Santiago de Compostela e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, poderán verse imaxes do mosteiro de Santa María A Real de Oseira e da Catedral de Santiago de Compostela, xunto a fotografías de arquivos como a Biblioteca da Casa do Consulado de A Coruña, a Biblioteca Pública de Vigo e tamén a Biblioteca de Galicia da Cidade de Cultura, e outros relacionados co intercambio cultural e ensinanza como son o IES Otero Pedrayo de Ourense ou a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Todos eles teñen en común o ser lugares e espazos nos que a cultura é parte fundamental no seu significado e razón de ser. Asemade, a artista inclúe, entre outras, imaxes tamén da Biblioteca Joanina Universidade de Coimbra, da Biblioteca Xeral Histórica da Universidade de Salamanca e do Arquivo Xeral de Indias de Sevilla, como demostración do carácter internacional do Camiño de Santiago.

A mostra Espazos Propios está deseñada como un conxunto de tres exposicións, a que pode verse en San Martiño Pinario baixo o título de Espazos, a que está exposta na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura co nome de Lugares, e a publicación compendio de todas elas que se presenta como a “mostra en papel” e baixo o nome de Imaxes.

No mosteiro de San Martiño Pinario, a artista expón un total de 43 obras, incluídas cinco reproducións da Cidade da Cultura de Galicia, co nome de Imaxes; e na Biblioteca de Galicia poderán contemplarse 8 fotografías de gran formato (dun tamaño medio de 2x2,5 metros) co epígrafe Lugares, xunto a outras 32 reproducións de menores dimensións. Esta selección de imaxes expostas na Biblioteca de Galicia dá inicio, de maneira previa á inauguración, a unha serie de actividades na Cidade da Cultura e que son un anticipo do que poderá verse nun futuro.

Complétase as mostras de San Martiño Pinario e da Biblioteca de Galicia, coa publicación Imaxes, a terceira vértebra do proxecto Espazos Propios, e que pecha o ciclo da creación. Así, unha vez representada a imaxe sobre o espazo arquitectónico en Espazos e Lugares, conta tamén coa súa representación en papel, no espazo en branco das páxinas do libro Imaxes.

Os traballos de Candida Höfer amosan un certo interese, case etnográfico, pola multiplicidade de formas de representación da cultura contemporánea e que esta relacionado, de forma moi particular, coa visión propia da artista dos escenarios onde se desenvolven a sociedade e o coñecemento, algo fundamental nos traballos fotográficos de Höfer desde os anos oitenta. Candida Höfer, desde hai xa máis de tres décadas, está centrada na realización dun amplo catálogo de imaxes sobre interiores de edificios, xeralmente de carácter público ou semipúblico, entre os que se atopan arquivos e bibliotecas, museos e igrexas.

As fotografías de Candida Höfer son coñecidas pola súa austeridade, pero tamén por facer unha complexa lectura da arquitectura que retrata e, en concreto, sobre os usos e funcións dos edificios que aparecen nos seus traballos, co obxectivo de invitar ao espectador a reflexionar sobre a historia e os camiños da cultura. Asemade, nas súas imaxes non aparecen persoas xa que a fotógrafa alemá prefire transmitir a esencia do espazo baleiro de xente, e tampouco emprega o retoque. O resultado da súa técnica é a creación dunha atmosfera fotográfica acougada e sinxela, collendo peso na imaxe a carga histórica do lugar representado. Así, retrata salas baleiras, espazos preparados para ser ocupados.

Candida Höfer, nada en Eberswalde (Alemaña) no ano 1944, estudou na Kunstakademie Düsseldorf, primeiro Cinema con Ole John, e despois fotografía con Bernd Becher. Ao longo da súa traxectoria, a súa obra foi exposta en museos como Kunsthalle Basel, Kunsthalle Bern, Portikus (Frankfurt am Main), e Hamburg Kunsthalle; e participou en mostras colectivas no MoMA (Museum of Modern Art) de Nova York ou no Power Plant de Toronto. No 2003 representou a Alemaña na Bienal de Venecia xunto a Martin Kippenberger.

A obra de Candida Höfer —xunto coa de Andreas Gursky, Axel Hütte, Thomas Ruff e Thomas Struth— enmárcase dentro da tradición de fotógrafos alemáns herdeiros directos da estética conceptual e as ensinanzas que Bernd e Hilla Becher impartiron desde a Kunstakademie de Düsseldorf, que readaptaron o proxecto orixinario da Nova Obxectividade para adoptar un singular xeito de enfrontárense ao mundo.

A exposición Espazos Propios poderá visitarse ata o 16 de xaneiro do 2011. No mosteiro de San Martiño Pinario o horario é de martes a domingo, en horario de 10 a 14 horas, e de 16 a 21 horas. Pola súa banda, as persoas que desexen visitar a parte da exposición de Candida Höfer que se exhibe na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura deberán reservar praza inscribíndose na páxina www.cidadedacultura.es ou no teléfono 881 997 570 begin_of_the_skype_highlighting              881 997 570      end_of_the_skype_highlighting begin_of_the_skype_highlighting              881 997 570      end_of_the_skype_highlighting begin_of_the_skype_highlighting              881 997 570      end_of_the_skype_highlighting begin_of_the_skype_highlighting 881 997 570 end_of_the_skype_highlighting, de 9,00 a 14,00 horas. Os horarios de visitas neste espazo (previa reserva de praza) son os mércores e venres ás 17,00 horas, e os sábados e domingos ás 12,00 e ás 17,00 horas. Asemade, as visitas, gratuítas e cun guía, inclúen un percorrido pola Cidade da Cultura de Galicia.
R.