La exposición Cristiáns puros en África muestra imágenes de espíritu peregrino de regiones lejanas

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López presentaron na Casa da Parra a exposición “Cristiáns puros de África” do fotógrafo coruñés Luís López Gabú. Roberto Varela identificou as instantáneas de Gabú con “imaxes de espírito peregrino, que achegan ata Santiago de Compostela rostros, paisaxes e sensacións provenientes de rexións afastadas”.

O conselleiro de Cultura e Turismo enxalzou a característica da fotografía de Gabú de “coñecer e transmitir fielmente unha certa realidade” a través da “intensidade da mirada”. Asemade, Roberto Varela destacou as posibilidades que nos achega o fotógrafo galego ao definilo como un “explorador da imaxe, das posibilidades que esta ten para narrar o noso presente e o noso mundo” que xoga coas “enormes posibilidades técnicas, estéticas e expresivas”.

Roberto Varela recoñeceu o éxito acadado polas imaxes de Gabú ao “enriquecer a nosa visión do continente africano, amosándonos unha das moitas Áfricas posibles e ampliar ao tempo a nosa percepción dunha tradición cristián moi distinta”. O conselleiro uniu esta capacidade coa de “reclamar un coñecemento máis rico do outro e unha verdadeira reivindicación da diferenza no mundo globalizado”.

A exposición “Cristiáns puros de África” será inaugurada polo conselleiro de Cultura e Turismo, nun acto que contará coa presenza asemade do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura e do fotógrafo Luis López Gabú, autor da mostra. “Cristiáns puros de África” articúlase a partir de dúas seccións ben diferenciadas: O culto e a fe, que permanecerá aberta ao público na Casa da Parra, e As peregrinacións, ubicada no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

As imaxes amosan a existencia dun núcleo localizado na actual Etiopía e Eritrea que mantívose á marxe da relixión musulmá, conservando ao longo dos séculos a súa propia relixión e costumes. Trátase dun conxunto de pezas impactantes, tanto pola súa espiritualidade como pola gran carga poética que expresan.

O proxecto expositivo de Luís López Gabú é resultado da súa experiencia e investigacións levadas a cabo ao longo das súas viaxes ao continente africano onde entra en contacto coas escolas coránicas e coas culturas islámicas. O autor afonda no coñecemento das mesmas, aportando unha importante información de gran valor documental froito do achegamento a outras formas de vida.

Nado no ano 1963 en A Coruña, a obra artística de José Luís López Gabú, baséase na influenza das súas estancias en África Subsahariana (Guinea Bissau, Guinea, Mauritania, Senegal, Malí), Etiopía, Somalia, El Magreb, Amazonia brasileira, Colombia, Cuba, Santo Domingo, Haití e en Indochina (Birmania, Tailandia, Laos e Vietnam).

Entre as súas exposicións destacan as monográficas realizadas en Santiago de Compostela, na Fundación Eugenio Granell no 2006 e no Museo do Pobo Galego no 2009; en Madrid no Museo Nacional de Antropoloxía no 2008 e nas Caixas de Galicia, Endesa, Deputación de A Coruña e Ministerio de Traballo. Entre os premios recibidos destacan o da Unanimidade do Xurado Isaac Díaz Pardo (2007) e o Segundo Premio da Academia de Belas Artes de A Coruña (2008).

Cabe destacar na personalidade de Gabú o seu espírito arriscado e decidido, xunto á sensibilidade que se percibe na obra creada. Nela conviven as testemuñas dunha realidade crúa, insospeitada e verdadeira que se mestura coa visión sensible e estética do autor.


R.