La exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez comienza en París su itinerario que incluye ciudades como Roma

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, e o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asistiron á inauguración en París da exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, un ambicioso proxecto itinerante que comeza na capital francesa, visitará logo o Vaticano e rematará a súa peregrinación coa súa chegada a Santiago no mes de agosto. A mostra, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, estará no Musée des Monuments Français de París ata o mes de maio e pretende dar a coñecer a historia de Diego Xelmírez como o gran promotor da peregrinación xacobea e de Compostela en Europa.

Durante o acto, a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, asegurou que a mostra dedicada a Diego Xelmírez é “a exposición estrela, a máis importante de todo o Ano Santo”, que inclúe, segundo dixo, “un conxunto extraordinario de pezas” chegadas desde múltiples institucións. Carmen Pardo recalcou que para Galicia “é un orgullo” poder transmitir con este evento celebrado máis alá das súas fronteiras “sensacións que sobre pasan o puramente terreal; uns sentimentos case máxicos”. Asemade, Carmen Pardo engadiu que “que este é a mellor homenaxe a unha persoa que fixo todo por deixar a súa pegada na nosa historia, na historia de Europa”.

No seu discurso, a secretaria xeral de Turismo avanzou que para este Ano Santo 2010 a Xunta de Galicia ten preparada “unha coidada programación” que, segundo dixo, “mima con especial atención” as propostas expositivas, co obxectivo de enriquecer a oferta artística e turística da comunidade galega. Ademais, asegurou que estas exposicións pretenden ofrecer “un estudo das múltiples dimensións” do fenómeno xacobeo e tamén “converter cada día do Ano Santo nun evento”, ofrecendo unha visión histórica e “unha mirada volcada desde o presente cara o noso pasado”. Por último, Carmen Pardo expresou o seu agradecemento a S.A. do Plan Xacobeo “pola súa contribución coa restauración e a difusión deste patrimonio europeo, ao que agora nos permite acceder a todos”.

Pola súa parte, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asegurou que “moito se pode falar da traxectoria vital e da herdanza histórica do arcebispo Xelmírez”, de quen recordou o seu traballo como “promotor da ruta xacobea e impulsor da Catedral de Santiago, ás que promocionou como nunca antes ninguén o fixera”. De feito, Ignacio Santos recalcou que Xelmírez foi, en definitiva, “quen lle imprimiu a condición de universal a Santiago de Compostela”.

A mostra inaugurada en París, que foi comisariada por Manuel Castiñeiras, divídese en nove seccións que conforman un completo percorrido pola historia de Diego Xelmírez, desde os seus primeiros anos ata a súa permanencia no legado da historia de Galicia. A traxectoria vital de Xelmírez, arcebispo de Compostela, e as súas viaxes a Roma a través das vías de peregrinación francesas do século XII, configuran o eixo principal da mostra. Diego Xelmírez converteu Compostela en meta dunha das peregrinacións máis importantes da Cristiandade. A súa autoridade, as súas relacións coas máis altas esferas políticas e eclesiásticas e o seu importante peso político axudaron a encumbrar e consolidar a sede xacobea. Durante o seu goberno, Compostela deixou de ser un lugar periférico do Finis Terrae para converterse nun centro de referencia do panorama artístico e cultural da Europa románica.

Nas dúas primeiras seccións da exposición, «Iria, terra dos seus pais» e «Galicia treme con Diego Peláez», coméntanse os primeiros anos do personaxe, ben a través dunha reconstrución 3D das Torres de Oeste (Catoira, Pontevedra), bastión gobernado polo seu pai nos anos da súa infancia, ben a través da copia dos capiteis fundacionais da Capela do Salvador, testemuño do inicio da gran catedral que el logo completaría en gran parte.

Na terceira sección, «Unha carreira fulgurante: de Galicia a Roma», explícase, a través dun audiovisual, as viaxes de Xelmírez por terras de Europa, abrindo paso así a catro seccións fundamentais: «Santiago e a aventura do Camiño de Peregrinación», «Xelmírez e os camiños franceses e Cluny», «Xelmírez en Italia», e «Xelmírez en Portugal». Nelas, a través da selección dunha serie de pezas extraordinarias, cóntase o diálogo privilexiado que a inicios do século XII Compostela estableceu cos grandes centros de creación europeos.

Ás pezas procedentes de Jaca, Toulouse, Conques, Altopascio ou Módena hai que engadir algúns fitos como, o Libro dos Milagres de Santa Fe de Sélestat que contén dous himnos dedicados ao Apóstolo Santiago, as columnas salomónicas de Trinità dei Monti e San Carlo a Cave, mostradas por primeira vez nun evento deste tipo, así como o Polycarpus, unha colección de canons da Igrexa romana dedicada a Xelmírez, ou a correspondencia que este mantivo en relación coa doazón dunha reliquia de Santiago á Catedral de Pistoia. Coa sección oitava, «A Idade de Ouro da Catedral de Santiago», móstrase o resultado en Compostela desa longa peregrinación a través da reconstrución tridimensional de monumentos destruídos como a Porta Francigena -a actual fachada da azabachería- ou o Altar Maior, así como outra serie de pezas.

Para rematar, na última sección, «A memoria escrita dun xenio», réndese homenaxe á vontade do personaxe por permanecer máis aló do seu tempo, ben a través da Historia Compostelá ou da colección de textos do Códice Calixtino, ben a través da súa fortuna contemporánea, desde A. Murguía a R. A. Fletcher.

A montaxe desta exposición leva consigo ademais actuacións paralelas talles como a limpeza dos baleirados dos capiteis fundacionais da Capela do Salvador do Museo da Catedral de Santiago; a restauración das columnas salomónicas de San Carlo a Cave (Lazio, Italia) e da S.S. Trinità dei Monti de Roma; a realización dunha reprodución en yeso do relevo de Santiago de Altopascio do Museo Nazionale dei Vila Guinigi (Lucca, Italia); así como a dixitalización do Libro dos Milagres de Santa Fe da Bibliothèque Humaniste de Sélestat (Francia) e do Epistolario Compostelán do Archivio dei Stato dei Pistoia (Italia). Con todo iso, a S. a. de Xestión do Plan Xacobeo contribúe á restauración e difusión dun patrimonio común europeo que agora se pon ao alcance de todos.

De xeito paralelo á exposición, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Cité de l’Arquitecture et du Patrimoine organizan as xornadas científicas sobre arte e arquitectura medieval La Francia de Diego Xelmírez (1060-1200). Arte y arquitectura en los siglos XI y XII, que se desenvolverán en París os días 1 e 2 de abril. Os relatorios de investigadores e historiadores europeos protagonizarán a primeira parte destas xornadas, mentres que na segunda, o comisario da exposición Manuel Castiñeiras, conducirá aos participantes nunha visita guiada á mostra, mentres que Humbert Jacomet, conservador de Patrimonio, descubrirá aos asistentes os puntos de interese do París xacobeo.

Así, a apertura da sesión da primeira xornada correrá a cargo de Quitterie Cazes, da Université de Paris I Panthéon-Sorbonne, quen presentará os resultados das súas últimas investigacións sobre a basílica de Saint-Sernin de Toulouse. Así mesmo, outro dos santuarios de peregrinación das rutas francesas, Saint-Guilles du Gard será analizado por Pierre-Gilles Girault, conservador adxunto do Castelo de Blois.

Pola súa banda, Humbert Jacomet, conservador de Patrimonio DRAC d’Auvergne, tratará o nacemento e as transformacións da iconografía de Santiago, mentres que o acento histórico virá da man de Adeline Rucquoi, do Centro de Investigacións Históricas, que analizará o carácter prol francés do arcebispo Xelmírez. O soado santuario de Sainte-Foy de Conques será abordado polo estudioso italiano Marco Piccat da Università dei Trieste. Para rematar, Jean-Marc Hofman, do Musée deas Monuments Français, falará sobre a colección de baleirados do propio museo que acolle a exposición e Alain Erlande-Brandenburg, inspector xeral de Museos, centrarase na construción da abadía de Saint-Denis.

Asemade, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo 2010 coeditou coa editorial italiana do logotipo de Matisse, SKIRA, o libro Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, un documento monográfico que explica o papel que xogou Diego Xelmírez, arcebispo do Papa Calixto II, como promotor das artes e o seu labor na inclusión de Santiago de Compostela como referencia do panorama artístico e cultural da Europa románica.

A aposta dunha publicación, con estudos científicos e catálogo razoado, figurou desde o primeiro momento como un dos obxectivos primordiais do proxecto, coa intención de editar un libro que puidese funcionar como monografía dun período fundamental para o auxe definitivo de Compostela e a peregrinación xacobea. Por iso a publicación preséntase nunha tripla estrutura na que se combina un extenso ensaio de referencia sobre o papel de Diego Xelmírez como promotor das artes, unha serie de textos complementarios sobre distintos aspectos relacionados coa conformación de Santiago, a súa Catedral e o seu camiño en relación con Compostela e Europa e, finalmente, un catálogo razoado das pezas da exposición expostas no conxunto das tres sedes.

A cargo do comisario do proxecto, Manuel Castiñeiras, o estudo introdutorio sobre a biografía artística de Diego Xelmírez recolle a idea da transformación de Compostela, de periferia a centro da arte románico, a través da evolución da súa catedral entre 1075 e 1140. Nela abórdase, en primeiro lugar, a fase previa ao episcopado de Xelmírez, é dicir, os inicios da Catedral con Diego Peláez (1075-1088) e a súa continuación co Mestre Esteban (1093/94-1101). En segundo lugar, a implantación definitiva, a partir do ano 1100, do programa gelmiriano visible na función simbólica e litúrxica do monumento, no nacemento dos grandes portais historiados, no embelecemento do Altar Maior cun rico enxoval de connotacións romanas, así como a posible decoración pintada do edificio a partir dos recentes achados pictóricos en San Martiño de Mondoñedo.

Todo iso faise desde un punto de visto novo, no que prima a perspectiva das consecuencias das viaxes do prelado -Toulouse, Conques e Roma- na formación dos seus canteiros, escultores e ourives, as dúbidas e pentimenti na execución dalgún dos seus proxectos -Platerías-, o peso ideolóxico da súa adhesión á Reforma Gregoriana nos seus programas figurativos así como o intento de emulación de Roma e Xerusalén como gran meta de peregrinación.

Moitos destes aspectos son ampliados e complementados por unha selección de estudosos e especialistas de recoñecido prestixio. No apartado relativo a Compostela, Adeline Rucquoi traza un magnífico panorama do cosmopolitismo da escola episcopal compostelá, mentres que John Williams analiza, de forma maxistral, o problema da definición da tipoloxía das igrexas de peregrinación, a importancia da basílica como martyrium e a importancia cultual da creación dunha confessio. Klaus Herbers e Alison Stones, en sendas contribucións, desmenuzan a riqueza do Códice Calixtino, ben como libro de lexitimación e propaganda da sede compostelá, ben como magnífico exemplo das vinculacións anglonormandas da súa ilustración, que Stones adianta a datas próximas á morte do prelado. José María Díaz Fernández, Deán da Catedral, deléitanos co relato do «Pío Latrocinio», verdadeiro testemuño da importancia do culto ás reliquias na Idade Media.

A partir dunha análise minuciosa das fontes modernas, Miguel Taín Guzmán reconstrúe a fortuna do mobiliario litúrxico de Xelmírez, achegando novidades sobre a sorte da táboa marmórea do altar, reaprovechada por Antonio López Ferreiro na sistematización do altar da cripta construída a finais do século XIX.

Francisco Singul, pola súa banda, expón, por primeira vez, a posible procedencia da destruída Porta Francigena do fuste reaproveitado do Cruceiro de Santa María de Lama (Boqueixón). Para rematar, Ramón Villares pecha o capítulo compostelán cunha aguda visión sobre a valoración de Xelmírez na tradición cultural galeguista, na que o personaxe foi cualificado de cacique, traidor, pero tamén de visionario Príncipe da Cristiandade.

No apartado dedicado a Europa un grupo de especialistas analiza o problema da efervescencia da arte románico en torno ao ano 1100 desde as privilexiadas atalaias da súa longa experiencia investigadora.

Asemade, cinco seccións conforman a terceira e última parte do proxecto editorial, a través das cales se realiza un percorrido textual pola propia exposición con análises exhaustivas de cada unha das pezas que a conforman. Nesta parte, realízanse lecturas de pezas como os capiteis fundacionais da Catedral de Santiago ou da primeira vieira que foi insignia de peregrino. Nestas seccións tamén se inclúen estudos sobre a profunda pegada que sobre a produción cultural da Compostela de Xelmírez tivo o seu paso polos principais centros de produción artística que por entón funcionaban en Francia. Do mesmo xeito, faise un percorrido por Italia e Portugal. Por último, faise un repaso pola historiografía do personaxe e a súa época.

A mostra Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez que o martes comeza a súa itinerancia en París enmarcase no Camiño da Historia do Xacobeo 2010, un itinerario que percorre proxectos expositivos de carácter histórico. Trátase de mostras que supoñen novas aproximacións á temática xacobea e ao fenómeno das peregrinacións desde o punto de vista espiritual, cultural, relixioso ou patrimonial. Estas exposicións perduran no tempo en forma de catálogos e publicacións de coidada edición e celébranse ao longo de toda a xeografía galega e, nalgúns casos, con itinerancia por países europeos, como é o caso da mostra sobre a figura de Diego Xelmírez.

Fotografías: Xunta de Galicia
R.