El presidente de la Xunta dice que el Xacobeo es una oportunidad histórica para mostrar al mundo una Galicia que quiere ganar su propio futuro

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

“O Xacobeo é unha oportunidade única e histórica para mostrar ao mundo unha Galicia que traballa unida por superar as dificultades actuais e gañar o seu propio futuro”. Así o sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na mensaxe de Fin de Ano, na que fixo un chamamento para agrupar na unidade “a todo o noso país, buscando puntos de encontro e obxectivos compartidos”.

O mandatario autonómico destacou, ademais, que é precisamente a unidade a que xustifica o proxecto autonómico “que nos fixo agromar como nacionalidade histórica na España democrática” e que tamén é a unidade “a que nos fai fortes dentro e fóra”. Por iso, agregou, “sen esa unidade práctica –tan necesaria-, Galicia quedaría fóra da corrente mundial que está facendo da cooperación a gran forza dos novos tempos”.

“Unha Galicia unida non é unha Galicia uniforme; porque unir non é o mesmo que uniformar”, destacou o mandatario autonómico, quen avogou, ademais, por que a unidade á que apela non se quede “nun simple recurso retórico”. Nesta liña, apostou porque esta se plasme en cuestións concretas como a ordenación territorial, a coordinación de servizos, o noso futuro financeiro, na recuperación económica ou nunha educación nas escolas que sexa “rica en coñecementos e rica tamén en valores como a cordialidade, a convivencia ou a liberdade”.

Na mesma liña, Feijóo abondou en que existen problemas e solucións “internacionais e nacionais”, pero tamén “problemas e solucións galegas” que, dixo, “exixen colaboración entre territorios, institucións e partidos políticos”. “O labor do gobernante actual é recuperar conceptos que parecían esquecidos, como ben común, interese xeral ou participación social. Só así o noso horizonte empezará a estar despexado”, aseverou.

O mandatario autonómico remarcou o comezo do Ano Santo Xacobeo, un acontecemento, explicou, que converterá Galicia enteira en protagonista dun feito “que tamén reflicte o sentimento de unidade e cooperación”.

Feijóo non ocultou que estamos a atravesar tempos difíciles pero insistiu en que “esta terra segue en pé despois de moitos séculos de venturas e desventuras” e en que ha de seguir en pé “se traballamos xuntos, seguindo o exemplo das xeracións pasadas e das novas. Elas apórtanos sacrificio, xenerosidade e ilusión”, remarcou.

“Como todos os anos –nestas datas-, fillos, netos, pais e avós comparten xuntos lembranzas e esperanzas de maneira que cada casa se converte nunha pequena Galicia”, proseguiu Feijóo sinalando que estes encontros familiares teñen “un gran valor” nestes tempos “de dificultade e desacougo” porque serven “para decatarnos de que cada un de nós é froito dunha fermosa historia humana de loita e superación”.

“Porque detrás de cada galego de hoxe hai moitos galegos de onte que camiñaron por tempos moi difíciles. E a proba de que nunca se renderon é que nós estamos hoxe aquí”, engadiu, lembrando que, a pesar de que “algúns emigraron lonxe e de que outros tiveron que deixar a súa aldea para ir na procura de fortuna nas vilas, todos pasaron necesidades pero ninguén aceptou a derrota”. Por iso, “cando sintamos o desalento pola crise económica e o drama do desemprego cómpre mirar para os nosos devanceiros e escoitalos: que nos están dicindo? Que temos que ser dignos da súa memoria”, engadiu.

“Galicia forma parte dun mundo que avanza cooperando e aunando ideas. Por iso o 2010 chega con incertezas pero tamén con esperanzas. Unidos seremos máis fortes. Unidos poderemos dicirlles aos nosos devanceiros que a súa entrega serviu para que a nosa terra siga viva. Na procura deste obxectivo invítovos a que invistamos a implicación, o esforzo e o sacrificio que sempre nos caracterizou a todos os galegos e que fagamos deste ano que entra un ano 10 para todas as familias de Galicia. Feliz e saudable Ano Santo Xacobeo”, concluíu.

Discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia:

Boas noites. Como todos os anos, as celebracións do Nadal e Aninovo xuntan nos fogares a diferentes xeracións de galegos. Como todos os anos, fillos, netos, pais e avós comparten xuntos lembranzas e esperanzas, de maneira que cada casa se converte nunha pequena Galicia. Nestes tempos de dificultade e desacougo, ese encontro familiar ten un gran valor porque serve para decatarnos de que cada un de nós, é froito dunha fermosa historia humana de loita e superación.

Porque detrás de cada galego de hoxe, hai moitos galegos de onte que camiñaron por tempos moi difíciles. E a proba de que nunca se renderon é que nós estamos hoxe aquí.

Grazas a eles, a Galicia que comparten cos seus fillos ou netos ten pouco que ver coa Galicia que eles sufriron. Padeceron todo tipo de calamidades que só foron parcialmente rexistradas pola historia ou a literatura. Algúns emigraron lonxe, outros tiveron que deixar a súa aldea para ir na procura de fortuna nas vilas; todos pasaron necesidades, pero ninguén aceptou a derrota.

Por iso, cando sintamos o desalento pola crise económica e o drama do desemprego, cómpre mirar para os nosos devanceiros (os que están aínda connosco e os que nos deixaron xa) e escoitalos:

¿Que nos están dicindo? Que temos que ser dignos da súa memoria. Non hai receitas máxicas para superar as dificultades. Pero si hai exemplos que nos serven de guieiro. Cada un de nós teno na súa casa: no pai, na nai, no avó, na avoa, ou en parentes que se perden no tempo.

Eles tamén nos din que a unidade é a ferramenta fundamental no medio das tormentas. Eles tiveron que limitala ao reducido círculo da familia porque na súa Galicia, o autogoberno aínda era un soño lonxano. Nós temos hoxe a posibilidade e maila obriga de agrupar nesa unidade a todo o noso país, buscando puntos de encontro e obxectivos compartidos.

Unha Galicia unida non é unha Galicia uniforme. Porque unir non é o mesmo que uniformar.

É a unidade a que xustifica o proxecto autonómico que nos fixo agromar como nacionalidade histórica na España democrática. E é a unidade a que nos fai fortes dentro e fóra.

Refírome a unha unidade que non pode quedar nun simple recurso retórico, senón que debe plasmarse en cuestións concretas como a ordenación territorial, a coordinación de servizos, o noso futuro financeiro, a recuperación económica ou unha educación nas escolas que sexa rica en coñecementos e rica tamén en valores como a cordialidade, a convivencia ou a liberdade.

Sen esa unidade práctica –tan necesaria- Galicia quedaría fora da corrente mundial que está facendo da cooperación a gran forza dos novos tempos.

Hai problemas e solucións internacionais. Existen problemas e solucións nacionais. E temos problemas e solucións galegas, que exixen colaboración entre territorios, institucións e partidos políticos. O labor do gobernante actual é recuperar conceptos que parecían esquecidos, como ben común, interese xeral ou participación social. Só así o noso horizonte empezará a estar despexado.

O noso pobo peregrinou polo tempo sen deixar nunca de camiñar. Quizais por iso a peregrinaxe máis antiga leva o nome de Santiago.

Comeza o Ano Santo Xacobeo e Galicia enteira será protagonista dun feito que tamén reflicte o sentimento de unidade e o sentimento de cooperación.

Compostela uniu patrias, fundiu culturas, mesturou épocas, e segue a ser un faro espiritual nun mundo que desexa puntos de referencia.

FOTO2]Un deles está entre nós. Seremos fieis ao legado ancestral que recibimos se somos de facer cousas xuntos. Agora é cando, Galicia é onde. Por iso o Xacobeo é unha oportunidade única, oportunidade histórica para mostrar ao mundo unha Galicia que traballa unida por superar as dificultades actuais e gañar o seu propio futuro.

Queridos concidadáns: sei que a miña primeira obriga como presidente da Xunta é dicir a verdade. Sería unha falta de respecto a un pobo maduro coma o noso, ocultar que atravesamos tempos difíciles. Pero esa verdade estaría incompleta, se non lembrásemos tamén que esta terra segue en pé despois de moitos séculos de venturas e desventuras. E ha seguir en pé se traballamos xuntos, seguindo o exemplo das xeracións pasadas e das xeracións novas. Elas apórtannos sacrificio, xenerosidade e ilusión.

Galicia forma parte dun mundo que avanza cooperando e aunando ideas. Por iso o 2010 chega con incertezas pero tamén con esperanzas. Unidos seremos máis fortes. Unidos, poderemos dicirlles aos nosos devanceiros, que a súa entrega serviu para que a nosa terra siga viva.

Na procura dese obxectivo, invítovos a que poñamos a implicación, o esforzo e o sacrificio que sempre nos caracterizou a todos os galegos e que fagamos deste ano que entra un ano 10 para todas as familias, un ano 10 para Galicia.


Feliz e saudable Ano Santo Xacobeo.
-----------------------------------------------------------------------------------------
2010 Año Santo Compostelano
Visite http://www.caminosasantiago.es

R.