A Coruña acoge la I Feria del Empleo como de motor de la inserción laboral de los jóvenes

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou na Coruña que o seu departamento destinará o vindeiro ano preto de 44 millóns de euros para fomentar a incorporación de mozos e mozas ao mercado laboral. Esta cantidade supón un incremento superior ao 8% con respecto ao orzamento de 2008.

Ricardo Varela aportou estas cifras durante a inauguración da I Feira Europea de Emprego, que está organizada pola Universidade da Coruña. Neste acto tamén participaron o reitor da institución académica coruñesa, José María Barja, e o presidente da Deputación Provincial, Salvador Fernández Moreda.

No seu discurso, o conselleiro de Traballo salientou que unha das principais preocupacións do Goberno galego dende o inicio da actual lexislatura foi a de loitar contra as eivas que presentaba a empregabilidade dos mozos e mozas. Varela lembrou que o mercado laboral galego se caracterizaba por unha taxa de desemprego elevada, con carencias de formación de tipo profesional, con desigualdade por razón e xénero e cunha indesexable temporalidade.

Neste contexto o principal atranco que atopaban os universitarios á hora de acceder a un posto de traballo era a súa falta de experiencia laboral. Para eliminar estes obstáculos, a Consellería de Traballo puxo en marcha un amplo abano de actuacións dirixidas a mellorar as posibilidades reais de inserción da mocidade no mercado de traballo. Así, a Xunta de Galicia, entre outras medidas, reforzou os incentivos para a súa contratación indefinida, as accións formativas para a capacitación en novas tecnoloxías e os programas mixtos de formación e de adquisición de experiencia profesional.

Ricardo Varela tamén explicou que outra das prioridades orzamentarias para o vindeiro ano será o fomento da creación e o desenvolvemento de empresas de base tecnolóxica, de novos xacementos de emprego e de proxectos innovadores. Así, en 2009, a Consellería de Traballo investirá 42,6 millóns de euros no programa dedicado ao emprendemento e á economía social, co que se prevé beneficiar a unhas 7.000 persoas. Neste caso o aumento sobre o orzamento do ano 2008 sitúase nun 11,7%.

Varela recordou que, no ámbito dos 7 campus universitarios de Galicia, a Consellería xa puxo en marcha e está a apoiar o funcionamento dos Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAAE). Estes instrumentos naceron co obxectivo de fomentar a vocación empresarial no eido universitario e ofrecer asesoramento e orientación laboral aos alumnos. Tamén se impulsaron as iniciativas de emprego de base tecnolóxica, apoiando o desenvolvemento de proxectos empresariais cunha clara orientación científica e tecnolóxica, xurdidos do espírito emprendedor dos investigadores e titulados universitarios.

Con estas iniciativas, a Consellería de Traballo pretende dar unha resposta eficaz aos novos retos que se lle abren á Universidade como consecuencia do proceso de Bolonia e da adecuación das súas estruturas á nova realidade social. Esta situación obriga á proporcionarlles aos alumnos e ás empresas novos servizos para darlle saída a un capital humano altamente cualificado e que tanto valor pode aportar ao tecido empresarial e produtivo de Galicia.
R.