A Biblioteca de Galicia brinda unha ollada singular sobre a evolución do fenómeno Xacobeo nos últimos 70 anos a través dos seus documentos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na inauguración a singularidade desta retrospectiva bibliográfica “pola oportunidade que nos dá, nun ano cunha ampla programación ao respecto, de visualizar o fenómeno xacobeo desde outra perspectiva, a da documentación que se xera ao seu arredor tanto no ámbito da organización e promoción como no eido da creación persoal inspirada no Camiño”.

O director xeral de Cultura estivo acompañado no acto pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e polo comisario da mostra e técnico da Biblioteca de Galicia, Fernando Recamán, entre outras autoridades.

Da dimensión máis espiritual á máis turística

A mostra, que pode visitarse no vestíbulo da Biblioteca na Cidade da Cultura ata novembro, segue unha ordenación cronolóxica que comeza no 1954, cando o Ano Santo aínda era esencialmente unha manifestación de espiritualidade católica, sendo a seguinte parada a produción bibliográfica de 1965, onde xa destaca a grande implicación das administracións públicas na promoción do Camiño como evento turístico. Distínguense neste período as figuras do cardeal Quiroga Palacios por un lado e de Manuel Fraga Iribarne, naquel momento ministro de Información e Turismo, por outro.

Os xornais, libros e folletos das coleccións da Biblioteca serven de vehículo para recordar os anos xacobeos de 1971 e 1976, caracterizados por unha relativa calma, e o de 1982, protagonizado polo impacto da visita do Papa Xoán Pablo II, a única ata o momento dun Pontífice a Santiago nun Ano Santo.

Respecto dos xubileos posteriores, con especial notoriedade do celebrado no 93, búscase amosar a progresiva dimensión internacional acadada polo Camiño, unha internacionalización na que o Xacobeo, sen prescindir da dimensión turística promovida pola actuación institucional, vén de alcanzar unha dimensión espiritual que non se cingue a unha crenza relixiosa determinada.

Entre a documentación atópase o número do ano 1954 da revista Atlántida dedicado ao Ano Santo, con ilustracións de Lugrís, ou unha carta pastoral do cardeal Quiroga Palacios dese mesmo ano. Tamén se expón o pregón pronunciado no 82 por Camilo José Cela ou publicacións do Xacobeo 93 onde se popularizou a mascota do Pelegrín. Os materiais amosan, ademais, exemplos da produción literaria e fílmica ao redor do Camiño, con algúns best seller e películas de éxito, e as programacións de tipo lúdico que empezaron a potenciar os grandes concertos.
R.