Estreada no museo Gaiás unha exposición sobre o impacto do Camiño de Santiago na construción da cultura europea

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás Xacobeo. As pegadas do Camiño, exposición co-organizada polo Goberno galego, a Biblioteca Nacional e Acción Cultural Española, que afonda na vocación europeísta da peregrinación a Compostela desde as súas orixes ata os nosos días.

No acto de apertura, o responsable de Cultura do Goberno galego celebrou a chegada a Galicia “dunha das retrospectivas máis minuciosas á hora de ilustrar a evolución do Xacobeo ao longo da historia”. “Esta mostra constitúe unha das maiores e máis documentadas investigacións realizadas sobre o fenómeno do Camiño de Santiago na que se pon en valor o importante tesouro patrimonial que abranguen as distintas expresións culturais vencelladas coa peregrinación”, explicou Román Rodríguez.

Neste senso, o conselleiro aproveitou a ocasión para agradecer a “colaboración activa” da Biblioteca Nacional e de Acción Cultural Española e o “exemplar labor” tanto do comisario da exposición, Darío Villanueva, como do comité científico, integrado por reputados investigadores da Historia da Arte e das artes gráficas. “A cooperación e rigor desta mostra constata o gran valor que posúe o Camiño de Santiago como elemento de unión e dinamizador da actividade cultural a nivel nacional”, precisou.

O director cultural da BNE, Ángel Martínez Roger, quixo facer fincapé en que “para a Biblioteca Nacional de España é unha gran satisfacción mostrar os seus ricos fondos orixinais sobre o Camiño na cidade de Santiago, deixando así unha pegada máis neste camiño que percorre a historia e as culturas que o alimentan”.

O acto contou, ademais, coa participación do comisario da exposición, Darío Villanueva; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A mostra reúne 200 pezas pertencentes na súa meirande parte aos fondos da Biblioteca Nacional ademais de valiosas achegas doutras institucións, como o Museo del Prado, e chega a Santiago despois de ser exhibida na sede da Biblioteca Nacional en Madrid, onde foi visitada por preto de 19.000 persoas. Desde hoxe e ata o 29 de maio poderá contemplarse na Cidade da Cultura.

Pinturas de mestres clásicos, como Murillo ou un discípulo de El Greco, manuscritos e códices medievais ou mapas históricos, artellan un relato poliédrico, abordando a pegada do Camiño na cultura europea desde un punto de vista cultural, artístico, literario, sociolóxico, antropolóxico, xeográfico, paisaxístico e vivencial.

Un percorrido a través de 200 pegadas

Entre a escolma de obras que presenta a mostra destacan xoias documentais e bibliográficas, como o primeiro himno na honra de Santiago O Maior, O Dei Verbum, conservado nun breviario do século IX, ou unha tradución temperá ao galego-portugués do Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, datada no s. XIV ou comezos do XV. Ademais, exhibe dúas importantes pinturas con temática xacobea: El Apóstol Santiago (1655) de Murillo e Julián Romero y su santo Patrono (1585-1589) da escola de El Greco, ambas cedidas polo Museo del Prado.

Como novidade respecto ás obras exhibidas en Madrid, a exposición no Gaiás suma catro pezas cartográficas pertencentes á colección de Jaime Terceiro Lomba. Entre elas atópase un mapa europeo de distancias (1650) onde a única cidade española que aparece é Santiago, ou outro de orixe francesa (1659) considerado extremadamente singular pola súa composición, xa que presenta unha orientación invertida do territorio francés e español.

A exposición complétase con fotografías históricas e actuais, diarios de peregrinación, crónicas, obras de literatura odepórica italiana (de viaxes), gravados, estampas, selos postais ou carteis, alén dunha parte dedicada á música e á produción fílmica xurdida ao abeiro do Camiño.

Expertos xacobos de máximo nivel

Académico da Real Academia Española, Darío Villanueva foi director da institución entre 2015 e 2019. É catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago, da que foi reitor.

No seu labor como comisario da mostra estivo apoiado por un recoñecido comité científico asesor formado polo presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken; a historiadora da Arte, Carmen Manso; o catedrático de Historia da Arte da USC, Juan Monterroso e o politólogo e profesor de Ciencias Políticas da USC, Xosé Luis Barreiro.

A exposición complétase cun catálogo, que ademais das achegas do comisario e do comité científico, conta con textos de importantes colaboradores como Andrés Torres Queiruga, teólogo e escritor; Ramón Yzquierdo, doutor en Historia da Arte; Rocío Sánchez Ameijeiras, profesora de Historia da Arte na USC ou Carlos Villanueva, musicólogo.

Deseño de Anna Alcubierre

O espazo da mostra foi ideado pola escenógrafa e deseñadora de exposicións catalá, Anna Alcubierre, que colabora con institucións como o Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC), o Museo Picasso de Barcelona ou o Museo Nacional de Escultura, entre outras. O percorrido está organizado para que o visitante se adentre no Camiño de maneira unidireccional, cun eixo central trazado polas imaxes do fotógrafo Xurxo Lobato, que nos debuxan a parte máis humana dos peregrinos.
R.