A Cidade da Cultura reforza o seu programa de visitas con itinerarios centrados en arte, arquitectura, natureza e o Camiño de Santiago |

Tamén como novidade deste verán, as persoas que se acheguen ao complexo poderán participar nunha descuberta guiada polos vencellos entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago, desde os primeiros planos do proxecto arquitectónico –realizado a semellanza do trazado das rúas da cidade vella compostelá– aos segredos que agochan os seus edificios, como a copia facsimilar do Códice Calixtino que posúe a Biblioteca de Galicia. O percorrido permitirá contemplar unha vista diferente da Catedral e da cidade de Santiago desde o cumio do Gaiás e, camiñando polo Bosque de Galicia, levará aos visitantes ata a Vía da Prata, que no seu último tramo de entrada en Compostela bordea a aba suroeste do monte Gaiás.
Ademais, a Cidade da Cultura recupera e actualiza a súa tradicional visita arquitectónica que, ademais dunha panorámica polas liñas e volumes proxectados por Peter Eisenman permitirá achegarse aos usos e funcións do complexo e coñecer espazos normalmente restrinxidos ao público, como a galería de servizos subterránea, que comunica o subsolo de todos os edificios.
Exposicións no Museo Centro Gaiás
O abano complétase coas actuais visitas comentadas ás exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás: Os brancos segredos do seu ventre e Faraón. Rei de Exipto. Concretamente, esta exposición verá ademais reforzada a oferta de visitas a partir de xullo, con quendas de martes a domingo, en resposta á elevada demanda que está a espertar esta mostra bate marcas de asistencia na Cidade da Cultura.
Todas as visitas guiadas réxense por un estrito protocolo que inclúe a adaptación do límite de prazas ás recomendacións vixentes en cada momento, a necesidade de reserva previa por se fose necesario contactar ás persoas participantes, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, ou a obriga de acudir con máscara de protección e manter todas as medidas hixiénicas marcadas polos protocolos de prevención da covid-19.
R.