'Xacobeo en Camiño' levará a programación do Ano Santo a toda Galicia a partir de maio

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes municipais para informarlles sobre a planificación do programa Xacobeo en Camiño que chegará a toda a xeografía galega. Trátase dunha programación dotada con máis de 2 millóns de euros baseada na participación, descentralización e sustentabilidade que se levará a cabo entre os meses de maio e setembro.

Xacobeo en Camiño, tal e como explicou Román Rodríguez durante este encontro de traballo, é unha iniciativa pioneira que permitirá levar a programación do Xacobeo 2021 a todas as grandes vilas e cabeceiras de comarca e na que se agarda a participación de máis de 400.000 persoas. Neste marco, levaranse a cabo más de 1000 actividades deseñadas para o público infantil e familiar que inclúen iniciativas no ámbito da música, das artes escénicas e da enogastronomía, así como exposicións e obradoiros. “Todo isto poñendo en valor os recursos propios de cada territorio e da man da cultura local”, precisou o titular de Cultura e Turismo.

Este programa, que forma parte da programación da Xunta de Galicia para o vindeiro Ano Santo, está construído a través dun modelo de xestión cultural de vangarda, dialogado co ecosistema cultural de cada vila e baseado na descentralización, na participación e na sustentabilidade, os principais valores do Xacobeo 2021 e que están recollidos no Plan Estratéxico, a folla de ruta posta en marcha polo Goberno galego que senta as bases dos próximos Anos Santos co obxectivo de deixar pegada permanente na Galicia do futuro.

Dous días en cada concello

A programación de Xacobeo en Camiño desenvolverase durante dous días en cada concello. No primeiro día a xornada será de tarde cun espectáculo interxerenacional creado especialmente para a ocasión. O segundo día a programación ocupará toda a xornada con actividades de rúa, obradoiros, música tradicional, espectáculos de danza, circo e baile e unha actuación musical nocturna. “Son actividades que van máis alá da programación cultural, conectadas coa cultura local e que ofrecen a imaxe dos mellores valores do Xacobeo”, explicou o conselleiro antes de precisar que se trata dun programa “integramente galego” e que “aproveita os recursos e singularidades propios de cada vila”.

No transcurso desta reunión informativa para coordinar o programa, Román Rodríguez explicoulle aos representantes dos concellos que a Xunta de Galicia apoiará estas actividades co montaxe da instalación, coordinando a comunicación e contratando a programación global e ao persoal técnico. Os concellos, pola súa banda, deberán ceder os espazos, aportar a programación local de orixe e elementos de produción de apoio.

Máis de 7 millóns de participantes

A celebración do vindeiro Xacobeo será o acontecemento cultural e turístico máis importante de Europa no ano 2021 e unha importante oportunidade para todos os sectores sociais da Comunidade galega. Co obxectivo de asumir o importante reto que supón, a Xunta de Galicia presentou en decembro o avance da programación do Xacobeo, un calendario de actividades que chegará a toda a xeografía galega e que se estenderá por máis de 700 días. En total son máis de 7.000 iniciativas nas que está previsto que participen máis de sete millóns de persoas. “Trátase dunha planificación completa e minuciosa, que dará lugar a un gran Xacobeo e deixará unha Galicia máis e mellor preparada para o futuro”, sinalou Román Rodríguez.

R.