Galicia achega máis do 60% dos proxectos que desenvolve o Consejo Jacobeo no marco do Xacobeo 2021

Segundo avanzou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no marco desta xuntanza, 49 dos 58 proxectos presentados son iniciativas propias, desenvolvidas pola Xunta de Galicia, mentres que outros 9 son proxectos liderados por Galicia aos que se adheriron outras comunidades autónomas. Con todo, a totalidade das accións están abertas ás achegas da iniciativa privada grazas ao programa de patrocinios impulsado con motivo do Ano Santo.

Precisamente, o titular de Cultura e Turismo fixo balance do desenvolvemento desta ferramenta, que xa permitiu captar máis de 8 millóns de euros para esta celebración tras a sinatura de acordos de patrocinio con algunhas das empresas máis recoñecidas da Comunidade. Neste sentido, avanzou que nos próximos días e semanas se espera que se concreten novas incorporacións a este programa.

Avaliación da programación

Ademais, a comisión executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 analizou o desenvolvemento do avance da programación do vindeiro Ano Santo, presentada a finais do ano pasado. Este avance contempla a posta en marcha de máis de 7.600 actividades no marco de 180 proxectos aos que se espera que asistan máis de 7 millóns de persoas nos 313 concellos de Galicia co obxectivo de estender a influencia desta celebración a todos os municipios da nosa Comunidade.

De feito, co obxectivo de achegar este evento á cidadanía e reforzar as canles de comunicación online desta celebración, Román Rodríguez avanzou que a Xunta de Galicia ultima a creación dun microsite específico do Xacobeo 2021 incluído dentro da web caminodesantiago.gal. Este portal sitúase na actualidade como un referente na información sobre a Ruta Xacobea, ao recibir no último ano máis de 500.000 visitas, un 56% máis que o ano pasado.

Control de fluxos en torno á Catedral

Outro dos asuntos abordados no seo da xuntanza da comisión executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 foron as accións do grupo de traballo específico creado a proposta do Concello de Santiago para deseñar un plan de aparcamentos disuasorios, mobilidade e control de fluxos de persoas en torno á Catedral de Santiago. Trátase dunha acción recollida no Eixo Acollida do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 cuxa coordinación asume o Concello de Santiago. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo puxo en valor a coordinación entre as distintas administracións, incluíndo tamén a proposta de engadir á Universidade e a Igrexa, para avanzar nunha mellor ordenación do turismo na capital galega e a ampliación de novos circuítos.
R.