A World Trails Conference, que reunirá este mes en Galicia ás mellores rutas culturais e de peregrinación de todo o mundo, conta xa con preto de 200 inscritos de 37 nacionalidades distintas

Coñeceranse, entre outros, os casos do Camiño Kumano Kodo -Patrimonio Mundial e irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos- e tamén o Camiño Shikoku Henro, co que tamén Galicia mantén férreas alianzas de colaboración. Haberá, ademais, representantes dos Camiños de Jeju Olle, en Corea do Sur, e do Great Himalaya Trails, o trazado máis largo e alto do mundo e que está situado no Nepal.

Tamén se contará coa participación das rutas culturais de longa distancia que están presentes en Taiwan, así como con xestores de itinerarios e sendeiros de Grecia ou Irlanda e de Sudáfrica, con representantes do Rim of Africa Trail, o sendeiro de montaña máis longo dese país. Xunto a eles, haberá representación de Sudamérica, con rutas de Costa Rica ou Panamá; ou Xordania, coa Jordan Trail. Tamén participarán relatores de Canadá, Rusia, Turquía ou Estados Unidos e o traballo levado a cabo na ruta xacobea en Galicia centrará, ademais, varios relatorios deste congreso internacional.

Xornada aberta ao público o sábado 29

As sesións profesionais que se celebrarán durante o congreso afondarán na vinculación destes itinerarios e a protección da natureza, nos beneficios económicos das rutas para as economías rurais, na preservación do patrimonio cultural e nos valores espirituais, así como na importancia do crecemento sustentable en cada unha destas rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación do mundo. Reservarase, ademais, o sábado 29 como xornada de portas abertas para o público xeral, con entrada libre ata completar aforamento.

A sesión do sábado incluirá a conferencia maxistral de Manuel Butler, director executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT), así como as presentacións ao público da xestión realizada en itinerarios como a Ruta dos Fiordos occidentais, en Islandia; a Ruta do Gran Himalaya, no Nepal, ou os Sendeiros dos Apalaches, en Estados Unidos, entre outras. Haberá, ademais, un festival cine dos itinerarios do mundo.

A World Trails Conference permitirá así afondar na contribución cultural e económica que estes itinerarios conseguen nos distintos destinos turísticos, áreas protexidas e espazos rurais que atravesan. As sesións de traballo dos días 26, 27 e 28 celebrarase no Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 17). A xornada de portas abertas do sábado 29 será no Auditorio Abanca (Rúa do Preguntoiro, 23) . As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na páxina web especialmente habilitada: santiagoworldtrails2018.com.
R.