A Cidade da Cultura de Galicia acolle Fairway: o I Foro do Camiño de Santiago

O acto de inauguración deste I Forum do Camiño de Santiago contou coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e os codirectores de Fairway, Ana Trevisani, Manuel Oreiro e Tono Mugico, entre outras autoridades.

O Congreso, que se celebra en horario de mañá e tarde con relatorios e mesas redondas que abordan o Camiño de Santiago desde unha perspectiva global contou esta mañá cos primeiros relatores do total de máis de 50 que se darán cita ao longo destas catro xornadas desta primeira edición de Fairway, chamada a consolidarse como a cita anual co Camiño de Santiago.

As intervencións estruturáronse ao redor de catro paneis temáticos cuxa programación discorre paralela durante estas xornadas: Camiño Outsites, no que se ofrecen visións doutros aspectos do Camiño vinculados á seguridade, a infraestrutura ou ao márketing; After Way, o panel máis experiencial, dedicado a coñecer as vivencias de diferentes peregrinos, anónimos e coñecidos, unidos pola experiencia da Ruta Xacobea; Other Ways, que virará ao redor doutras rutas históricas, e Camiño Insights, que se achegará á xestión do Camiño.

O panel Camiño Insights contou coa participación nesta primeira xornada de Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo, que expuxo os principais campos de actuación de Turismo de Galicia na xestión do Camiño de Santiago nas súas diferentes rutas pola comunidade autónoma galega.

No seu relatorio o xerente do Xacobeo falou tamén da xestión da Rede Pública de albergues da Xunta de Galicia e explicou os aspectos craves sobre o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, recentemente presentado.

Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago

Neste senso, Rafael Sánchez explicou que o Plan Director do Camiño de Santiago constitúe unha ferramenta de xestión e unha folla de ruta que marca as directrices para a conservación da esencia da ruta, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados na mesma.

O xerente do Xacobeo sinalou que o obxectivo é protexer e preservar a Ruta Xacobea, en todas as súas vertentes, para garantir a pervivencia da súa identidade e a posta en valor do seu patrimonio cultural e natural e responder ás necesidades do peregrino do S.XXI, ofrecendo unha excelente hospitalidade na acollida e favorecendo unha experiencia de calidade durante toda a súa peregrinación.

Segundo resaltou Rafael Sánchez o Plan aglutina un total de 26 plans de acción e máis de 80 iniciativas a impulsar ata o 2021 centradas na gobernanza, na xestión, no uso e na difusión.

Superada a cifra de peregrinos do ano 2014

Por outra parte, o xerente do Xacobeo destacou que no que vai de ano a cifra de peregrinos que selaron a súa Compostela na Oficina do Peregrino superou xa o total de peregrinos rexistrados no pasado ano rexistrándose máis de 244.000.

Rafael Sanchez afirmou que isto supón un incremento do número de peregrinos chegados a Santiago de Compostela de máis do 10% en relación ao pasado ano.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia