O proxecto Caxato potencia a formación en maiores de 50 anos tomando o Camiño como fío condutor para a aprendizaxe |

Caxato está financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e liderado polo grupo de investigación Terceira Xeración (TeXe) do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC. O resto de organizacións que compoñen o consorcio proveñen de España, Francia e Italia, e son especialistas en educación permanente, de persoas adultas maiores, ou no Camiño de Santiago. Trátase da European Grants International Academy (EGInA), o Centro Italiano per l’Apprendimento Permanente (CIAPE), a Fundación da Universidade da Rioxa, o Institut de Recherche Jacquaire (IRJ) e a empresa SocialDocs.
“O proxecto pretende xerar coñecemento partindo da investigación e a formación, así como mellorar as capacidades das persoas participantes a través dunha experiencia activa que permita a cada participante desempeñar unha función central no seu propio proceso formativo”, explican dende a coordinación de Caxato. Búscase tamén reforzar as capacidades internas das institucións socias a partir da colaboración e o intercambio de experiencias formativas e de capacitación. Para logralo, a iniciativa estruturouse en tres grandes áreas. A primeira vinculada á xeración do ecosistema de formación e capacitación que sentará as bases para o desenvolvemento do proxecto. Unha segunda, máis experiencial, onde se realizan algunhas etapas do Camiño en diferentes puntos xeográficos e na que se producirán materiais audiovisuais por parte das persoas participantes que serán difundidos a través das canles de difusión do proxecto. Finalmente, a terceira parte servirá para afianzar alianzas e darase continuidade ao xerado nas dúas etapas anteriores a partir do deseño dun curso de experto sénior no Camiño.
A parte experiencial iniciouse en marzo, coa etapa italo-francesa e continuou en abril na Rioxa. En cada caso desprazáronse cinco participantes de cada entidade (catro alumnos/as e un/unha formador/a). En cada etapa combínase formación impartida por SocialDocs sobre cinema co móbil, aproximación ás dimensións patrimonial, ambiental, gastronomía e produtos típicos, artesanía e oficios populares, e tradicións e costumes. En cada encontro realízanse tres etapas do camiño.
“O que pretendemos é xerar experiencias formativas de calidade a partir da participación de persoas adultas maiores de distintos países europeos para compartir e vivir unha experiencia intercultural que contribúa ao envellecemento activo tendo como eixo central os valores en torno ao Camiño de Santiago”, conclúen dende o grupo TeXe.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)