Turismo de Galicia publica unha nova edición actualizada en castelán do Códice Calixtino

Turismo de Galicia presentou hoxe a publicación dunha nova edición actualizada en castelán do libro Liber Sancti Iacobi. Codex Calixtinus, elaborada baixo a coidada e profesional mirada da profesora María José García Blanco.

O obxectivo desta nova reedición é fomentar os estudos xacobeos e o interese xeral cara á cultura da peregrinación, achegando ao público unha obra que é tan universal como galega.

Así mesmo, a presentación desta nova edición responde a unha ampla demanda que reclamaba a reedición desta tradución da cal encóntranse esgotadas as anteriores edicións de 1951 por Abelardo Moralejo, Casimiro Torres e Julio Feo, e de 2004 por J. J. Moralejo e María José García Blanco.

Esta nova edición contén unha pequena introdución da profesora García Blanco, seguida dos antigos textos introdutorios da edición de 2004, para dar pé á tradución do libro. Ademais, inclúe un índice bíblico, un índice léxico, un índice literario, un índice onomástico e un índice toponímico, fundamentais para posibles consultas de investigadores.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta obra, fundamental para a cultura xacobea, alberga unha grandeza que poucas obras lograron alcanzar ao longo da historia: a que lle outorga a súa vixencia e a súa universalidade. “A pesar do tempo transcorrido, esta xoia manuscrita do século XII, primeiro testemuño da peregrinación xacobea, é un manual único que aínda hoxe continúa orientando e inspirando aos miles de camiñantes que cada ano deciden emprender a ruta que lles leva cara a Compostela”, sinalou Nava Castro.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta explicou que ademais da relevancia que alcanza esta gran obra mestra, ao recoller a experiencia daqueles primeiros peregrinos, ao ser referente da peregrinación ou ao erixirse como a primeira guía de turismo da antigüidade, o seu verdadeiro valor reside en que nos traslada á conformación da identidade europea. “Esta guía contén a certeza de que a idea de Europa inclúe un compoñente galego que discorre incesantemente pola ruta de peregrinación”, incidiu Nava Castro.

Cultura xacobea

A directora de Turismo de Galicia destacou que esta publicación únese a edición realizada en 2013 coa tradución ao galego de Xosé López Díaz e as numerosas publicacións relacionadas co fenómeno xacobeo.

Neste senso, Nava Castro sinalou que nos dous volumes de Bibliografía Xacobea editados pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo recóllense máis de 3.100 rexistros de publicacións editadas entre os anos 1.994 e 2001, así como máis de 3.600 rexistros de publicacións editadas ata 1.993.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou que a investigación e a literatura conforman os verdadeiros alicerces sobre os que se sostén o culto e a cultura xacobeos. “A través das publicacións e estudos científicos vaise configurando un corpo sobre o que se sustenta o mundo Xacobeo e que supón o legado que fai transmitir ao longo dos séculos”, afirmou.

Con todo, Nava Castro sinalou que o Camiño de Santiago é un dos fenómenos máis relevantes da cultura occidental actual.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia