A globalidade do fenómeno xacobeo, no I Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño en Galicia

A súa segunda xornada iniciouse cunha sesión centrada na comunicación, difusión e publicacións das Asociacións do Camiño de Santiago, na que se mostrou a rica produción de revistas e canles informativas que distintas agrupacións de amigos do camiño crearon para difundir a riqueza do fenómeno.

Xosé María García Palmeiro, presidente da Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño (APECSA) moderou unha mesa na que tamén tomaron parte Karl Uhl, secretario da Badische St. Jakobusgesellschaft (Alemaña); Beata Skwierczynska-Mizerska, delegada da Asociación Przyaciele Drog sw. Jakuba w. Polsce (Polonia); Diego Yoon, presidente da Asociación Coreana de Amigos do Camiño de Santiago (Corea do Sur); Austin Cook, presidente de Canadian Company of Pilgrims (Canadá); e Jorge Martínez-Cava Carrasco, colaborador da revista Peregrino e vicepresidente da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid.

A terceira sesión do encontro versou sobre a acollida e a hospitalidade; e na súa mesa compartiron experiencias algúns dos expertos no Camiño coa traxectoria máis dilatada, coa moderación de Paolo Coucci von Saucken, presidente da Confraternita dei San Jacopo dei Perugia e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago (Italia). Xunto a el debateron e expuxeron as súas impresións Joost Bol, da Nederlands Genootschap van Saint Jacob (Holanda); Priscilla White, Comisaria da Confraternity of Saint James (Reino Unido); Bertrand Saint-Macary, Presidente da Association des Amis des Chemins de Saint-Jaques en Pyrénéés Atlantiques - Saint-Jead-Pied-De-Port (Francia); e Ana I. Barreira, responsable do Programa Hospitaleiros da Federación Española de Amigos do Camiño de Santiago (España).

Os congresistas e relatores asistiron pola tarde a unha proxección do documental "Walking the Camino", nun encontro que contou coa participación da directora do mesmo, Lydia Smith.

Así mesmo, na xornada puideron coñecer a Cidade da Cultura de Galicia e realizar unha visita guiada á exposición "Camiño. A Orixe", no Museo Centro Gaiás.

O sábado 6 de xuño chega a quenda da terceira e última xornada do I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. A relación das asociacións do Camiño coas institucións e a sociedade e os seus retos de futuro serán os eixes das sesións, nas que tomarán parte expertos dos cinco continentes, en concreto de Xapón, Alemaña, Brasil, Sudáfrica, Australia, España ou Estados Unidos.

Unha vez rematadas as sesións técnicas, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fará unha lectura das principais conclusións acadadas durante estes tres días e clausurará o encontro.

Exposición "Amigos do Camiño: Hospitalidade, Investigación, Difusión"
Como complemento a este evento, a exposición "Amigos do Camiño: Hospitalidade, Investigación, Difusión" mostra no Centro Social Abanca da praza de Cervantes unha selección de materiais cedidos por colectivos Xacobeos de todo o mundo que recollen o seu traballo de investigación, recuperación, sinalización, hospitalidade e promoción das diferentes rutas a Compostela. Esta exposición estará aberta ata o 12 de xuño.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia