O I Encontro Mundial de Asociacións do Camiño ensalza aos seus embaixadores

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que grazas ao Camiño de Santiago poucos pobos como Galicia teñen a fortuna de contar cunha rede de embaixadores tan ampla, entusiasta e eficaz.

Durante a celebración do I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Feijóo afirmou que esta ruta é unha realidade viva, como o testemuñan os máis de 237.000 peregrinos que chegaron a Galicia o ano pasado, procedentes de 140 nacións distintas, “un récord histórico nun ano non santo”. “E é unha realidade que se mima e se coida, como proba o Plan integral de Turismo de Galicia no que a Ruta Xacobea é o eixe fundamental, e un amplo plan de acondicionamentos e melloras, que inclúen un Centro Internacional de Acollida de Peregrinos”.

Así mesmo, o titular do Goberno galego afirmou que grazas a esta ruta, Galicia e Compostela seguen sendo no século XXI un punto de encontro onde se xera a globalización máis auténtica, “que é a dos sentimentos”. “O Camiño de Santiago estalle dicindo ao home de hoxe que existe un tipo de espiritualidade e relixiosidade humanista, fraternal, aberta e tolerante”, dixo, cualificando a actividade das Asociacións de Amigos do Camiño de admirable e necesaria, “xa que son –aseverou- un factor de paz, de humanidade e de entendemento”.

Logo de lembrar que a Ruta Xacobea foi declarada Primeiro Itinerario Cultural Europeo e Ben Patrimonio da Humanidade; foi premiada co Premio Príncipe de Asturias da Concordia, e proclamada Embaixadora da Marca España, Feijóo subliñou que, se ben todas estas distincións “énchennos de orgullo”, o maior galardón é a existencia desta rede universal de amigos “que, de forma altruísta e xenerosa, propuxéronse prolongar o sendeiro e facelo interminable”.

Nesta liña, afirmou que as trescentas asociacións de Amigos do Camiño esparexidas por todo o mundo, demostran que non hai etapa final, “porque quen se fai peregrino, nunca deixa de selo”. “A chegada ao Obradoiro marca o inicio dun novo traxecto que o peregrino leva consigo ao seu lugar de orixe. Unha vez alí, iníciase unha nova andaina grazas á forza espiritual atesourada rumbo a Compostela”, engadiu.

Por último, o responsable autonómico afirmou que así como os que peregrinaban con San Francisco fai oitocentos anos buscaban un punto de apoio fronte ao insondable e descoñecido, “hoxe, nós desexamos equilibrar o predominio da tecnoloxía coa espiritualidade”. “Resistímonos a converter a técnica nun novo ídolo e reivindicamos esa parte do ser humano que non pode ser reducido ao meramente maquinal. E tamén nos une en torno ao Apóstolo o desexo de inspiración fronte a un mundo conflitivo no que algúns converteron a relixiosidade en fanatismo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia