Incorpórase o Tren Peregrino á oferta da nova edición de Galicia a todo tren

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación da nova edición do programa ‘Galicia a todo tren’, na que interviñeron ademais da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o xerente do área comercial e servizo de atención ao cliente de RENFE, Javier Díaz Trisac, e o xerente do Inorde, Jose Manuel Rodríguez.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou na presentación que este programa, que naceu como un proxecto turístico pioneiro e que celebra xa a súa terceira edición, inclúe este ano novos atractivos grazas á colaboración interinstitucional entre a Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense.

Pola súa parte, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, pronunciou na súa calidade de anfitrión, unhas palabras de benvida e destacou a importancia de viaxar para as mentes e os ánimos das persoas.

Nava Castro explicou que esta iniciativa innovadora que proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares de Galicia, continúa ofrecendo nesta terceira edición sete rutas que permiten descubrir as diferentes zonas de Galicia con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que recorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.

Segundo sinalou a responsable de Turismo da Xunta, estes sete itinerarios estarán constituídos por 57 trens que ofertarán un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado ano.

Nava Castro destacou que para esta nova edición, as rutas foron melloradas “incrementando aínda máis o seu atractivo”. Así, entre outras novidades, a Ruta do Viño de Monterrei inclúe neste ano a visita ao Castelo de Monterrei, onde os turistas poderán realizar o Túnel do Viño e vivirán un espectáculo sorpresa; nas rutas do viño Ribeiro e Rías Baixas, se realizará unha visita ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea de Arbo e ao Mosteiro de San Clodio; e a ruta da Ribeira Sacra incorpora como novidade a visita ao Mosteiro de San Estevo de Sil.

Principal novidade, o Tren Peregrino

Así mesmo, como principal novidade desta edición, incorporase ao programa o Tren Peregrino que posibilitará a realización do Camiño de Santiago desde Madrid dunha maneira diferente, a bordo dun cómodo Tren Hotel no que os pasaxeiros disporán de aloxamento na Cabina Gran Clase e restauración no propio convoi.

Con esta nova proposta os pasaxeiros poderán realizar diferentes etapas do Camiño de Santiago a pe ou en bicicleta, ou ben coñecer as diversas cidades nas que estaciona o tren con visitas guiadas e outras actividades.

As sete rutas turísticas temáticas e o Tren Peregrino este ano se engade tamén o Tren dos Balnearios, unha nova posibilidade dirixida a maiores de 50 anos que brindará a posibilidade de aloxarse durante 6 días, en réxime de pensión completa, nos balnearios ourensáns de Laias, Carballiño, Arnoia, Baños de Molgas o Lobios e realizar circuítos culturais pola zona elixida.

Así mesmo, continúa nesta nova edición o Galicia Rail Pass que un ano máis permitirá a peregrinos e turistas que cheguen a Galicia en trens de largo percorrido ou co pase dos trens turísticos utilizar os trens da rede de RENFE en Galicia cantas veces queiran durante tres días en fins de semana, pontes e festivos, e na temporada de verán.

Tamén, chegará a Galicia un verán máis o Tren Al Andalus que percorrerá no mes de xullo o traxecto León – Santiago de Compostela.

Gran éxito nas pasadas edicións

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención o éxito acadado polas dúas pasadas edición do programa ‘Galicia a todo tren’.

Segundo sinalou, durante o primeiro ano de realización dos trens turísticos máis de 600 viaxeiros gozaron de dous itinerarios diferentes que alcanzaron unha ocupación de case o 75%.

Nava Castro explicou que, tras esta boa aceptación, o pasado ano 2014, ampliouse a súa oferta con outras cinco rutas polas zonas vitivinícolas de Galicia. “Con estas novas propostas uniuse a posibilidade de descubrir a paisaxe galega e os recursos patrimoniais coa produción vitivinícola”, destacou.

Con todo, a campaña dos trens turísticos pechou na pasada edición cun notable éxito ao rexistrarse máis de dous mil viaxeiros e unha ocupación media do 82%, alcanzando as rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra e a que circulou exclusivamente pola Ribeira Sacra unha ocupación do 100%.

Importancia do mercado madrileño para Galicia

A directora de Turismo incidiu tamén en que a Comunidade de Madrid é o principal mercado emisor de turistas para Galicia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística. No pasado ano rexistráronse en establecementos hoteleiros 460.153 viaxeiros procedentes da capital española e máis dun millón de pernoitas.

Madrid supuxo o 15,4% do total de viaxeiros españois e o 15,9% das pernoitas nacionais da comunidade galega. Ademais, un total de 22.090 peregrinos madrileños recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino o ano pasado, ocupando Madrid o número un no ránking de comunidades autónomas.

A responsable de Turismo de Galicia concluíu agradecendo a “intensa colaboración de Renfe e mais da Deputación de Ourense a través do Inorde” pola posta en marcha deste “proxecto diferencial que incrementa a competitividade da oferta turística de Galicia”.

Máis información e fotografía: http://www.turgalicia.es/presentacion-trenes-turisticos-de-galicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia