A exposición O Camiño, a orixe amosa unha cultura de portas abertas que recibe e exporta influencias

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á exposición ‘O Camiño, a orixe’ como mostra da satisfacción que sente Galicia por ser a orixe do mundo xacobeo, “unha cultura de portas abertas que recibe e exporta influencias”. “Podemos afirmar con orgullo que Compostela e a Ruta Xacobea son un dos principais motivos de inspiración cultural universal. Boa proba diso é a procedencia do que aquí se expón. Os Uffizi de Florencia, o Museo Cluny, o Museo del Prado, pinacotecas de Francia, Italia, Alemaña ou Polonia”, afirmou.

Tras un percorrido pola exposición, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, Feijóo salientou que Galicia e a súa cultura son un compendio, un resumo de Europa: “Somos –aseverou- fin da terra no xeográfico, pero centro de Europa no cultural”.

Se ben as novas tecnoloxías impulsan aínda máis esa característica tan nosa, o presidente do Goberno galego aseverou que seguen sendo os peregrinos o gran vencello humano. “Todos eles deixaron aquí a súa pegada, e todos eles marcharon convertidos en embaixadores da galeguidade, igual que Durero, Murillo, Nooteboom, Coelho ou Martin Sheen”, dixo, ao que engadiu que nesa orixe sobre a que trata a exposición había uns valores compartidos que logo serían multiplicados polos peregrinos. “Eles contarán que o Camiño é un caudal no que se mesturan os máis diversos afluentes, no que se aprende a respectar o que é distinto e a atopar con el un espírito común”.

Nun tempo en que o mundo asiste desolado á destrución do patrimonio cultural en territorios sumidos en conflitos, o titular da Xunta lanzou unha mensaxe de respecto a ese pasado que se reflicte na arte: “A arte é memoria. Perdela é unha traxedia para as persoas e para os pobos”, sentenciou.

Feijóo concluíu a súa intervención agradecendo o traballo de todos aqueles que fixeron posible ‘O Camiño, a orixe’; “unha exposición –incidiu- que trata da memoria e do presente”.

150 pezas que inclúen obras mestras de grandes artistas
A través dunha montaxe rotundamente contemporánea, ‘Camiño, a orixe’ ofrece unha visión dese minuto un a través dunha selección de 150 pezas que inclúen obras mestras de grandes artistas como Alberto Durero ou Bartolomé Esteban Murillo e outros obxectos de alto valor cultural. A Galería Uffizi de Florencia, o Museo Cluny de Francia, o Museo del Prado, Patrimonio Nacional, Museo Lázaro Galdiano, os Museos de Belas Artes de Bilbao, Murcia, Córdoba e A Coruña e, por suposto, o Museo das Peregrinacións de Santiago e a Catedral de Santiago, integran a ampla nómina de institucións que colaboran coa Cidade da Cultura nesta exposición.

A exposición complétase co proxecto ‘Lugares Xacobeos’, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman. A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Faílde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago- para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante os seis meses que a mostra permaneza aberta ao público.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia