Preséntase un volume da serie Compostela International Studies in Pilgrimage History and Culture do CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), e Turismo de Galicia presentaron esta mañá o terceiro volume da serie Compostela International Studies in Pilgrimage History and Culture: “Redefining Pilgrimage. New Perspectives on Historical and Contemporany Pilgrimages”.

No acto de presentación, que tivo lugar en Santiago de Compostela, interviñeron o director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da serie, Antón M. Pazos.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de promover e potenciar a investigación e o afondamento nas raíces do Camiño de Santiago xa que, segundo afirmou, repercute na conservación e na posta en valor da ruta de peregrinación.

Así mesmo, Nava Castro destacou o traballo que fan os centos de Asociacións de Amigos do Camiño que, repartidas por todo o mundo, contribúen a manter vivo o legado xacobeo. Nesta liña, en xuño de 2015, Galicia terá a honra de render homenaxe a todos aqueles que dedican a súa vida e o seu tempo a promover o Camiño e a axudar aos peregrinos co Primeiro Encontro Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño, “un agradecemento a todos aqueles que manteñen vivo o Camiño”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Nava Castro sinalou que o Camiño de Santiago é un fenómeno vivo e en pleno auxe que está servindo de modelo demostrador para moitas outras rutas de peregrinación de todo o mundo. “Mostra disto é que, no que vai de ano, Compostela recibiu máis de 236.000 peregrinos, máis dun 10% máis que no mesmo período de 2013”, afirmou.

Nava Castro destacou tamén o traballo que está a facer Turismo de Galicia no desenvolvemento do Plan Director do Camiño de Santiago, un documento con especificidades para cada unha das rutas e que atenderá ao redimensionamento do Camiño de Santiago como fenómeno supranacional. “Este Plan Director servirá para que o seu desenvolvemento e crecemento se realice de forma equilibrada, sostible e respectuosa co carácter do fenómeno xacobeo”, explicou. Así, a través de dous instrumentos de xestión, un Plan Director e un Plan Estratéxico, revitalizarase e promoverase o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas e da súa infraestrutura, patrimonio e legado inmaterial. O Plan Director inclúe, así mesmo, unha liña orientada á investigación e á xeración de coñecemento.

A directora de Turismo de Galicia concluíu agradecendo o destacado labor que vén facendo o Instituto de Estudo Galegos Padre Sarmiento no ámbito dos estudos sobre as peregrinacións mediante iniciativas coma os Coloquios Internacionais Compostela ou o lanzamento desta colección da cal, hoxe, presentouse o terceiro volume. Tal e como afirmou Nava Castro, “colaboran a posicionar a Santiago de Compostela e Galicia como referente na investigación do fenómeno das peregrinacións”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia