O Goberno galego aposta por un centro internacional de acollida aos peregrinos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Camiño de Santiago como un dos nosos principais sinais de identidade para o futuro e garantiu o compromiso de reforzalo a través de distintos proxectos entre os que destacou a creación dun Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, no antigo asilo da rúa Carretas. “Queremos facer en Santiago un novo Centro de Acollida aos Peregrinos, un centro máis grande, un centro que dea a categoría que merece a persoa que nos visita e, moi cerca deste Hostal rehabilitaremos parte do asilo da rúa Carretas para acoller, aí, un gran centro internacional de peregrinación para o Camiño de Santiago e para todos os que nos visitan”, abundou.

“É certo que contamos desde hai tempo cunha importante rede asistencial ao longo dos distintos camiños, temos moitos albergues que imos seguir potenciando, pero fallábanos o espazo de benvida, ese espazo onde a xente quere selar a súa Compostela, quere acreditar que fixo ese esforzo camiñando e por iso imos facer un novo Centro Internacional de Peregrinación”, dixo, durante a inauguración do I Congreso de Turismo e Peregrinación organizado pola Organización Mundial do Turismo (OMT).

Conscientes de que o papel das administracións é “incentivar e intensificar” esa inmensa rede que teceron os peregrinos ao longo dos séculos, Feijóo incidiu no obxectivo do Goberno galego de seguir fortalecendo “os encontros entre os países, entre as súas xentes no mundo”.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego lembrou o impacto turístico que o Camiño ten para Galicia ao longo das últimas décadas. “É para nós o turismo un sinónimo de peregrinación e por iso estamos deseñando o Plan Director dos Camiños de Santiago”, indicou, un plan que permitirá trazar unha folla de ruta estable, pensando xa especialmente no próximo Ano Santo 2021.

Así mesmo, Feijóo subliñou que a Comunidade galega é unha terra de acollida por excelencia e avogou por reforzar o seu “selo de hospitalidade” como anfitrioa dun dos principais centros de peregrinación do mundo, xunto con Roma e Xerusalén. Non en van, máis de 215.000 peregrinos, de máis de 150 nacionalidades distintas, chegaron a Galicia o pasado ano. E esas cifras van en aumento, toda vez que nos primeiros oito meses deste 2014 xa se rexistrou un crecemento próximo ao 10 por cento.

O presidente da Xunta aseverou que as rutas a Santiago son un exemplo de que pobos diferentes poden e queren compartir ideais e vivir en harmonía. “É certo que as rutas abriron ao mundo este recanto occidental de Europa chamado Galicia, pero o certo e verdade é que a peregrinación alimenta as mellores virtudes dos homes: a comunicación, a convivencia e o encontro cos demais”, sinalou ao respecto.

Con estas palabras, Feijóo quixo dar a benvida aos asistentes a este I Congreso de Turismo e Peregrinacións, un foro que desde hoxe, ata o 20 de setembro, reúne 350 participantes procedentes dos cinco continentes, cun resultado moi parecido ao que se produce todos os días nos camiños que conducen ata Compostela: “fusión de ideas e novos plantexamentos que nacen do intercambio e ese intercambio nace do diálogo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia