Galicia presenta en Xapón a súa oferta turística

A Xunta de Galicia deu a coñecer en Xapón as posibilidades turísticas que ofrece a Comunidade galega coa vista posta en incrementar o número de turistas do país nipón que se decantan pola nosa terra. Foi nun acto celebrado na Embaixada de España en Xapón, que estivo presidido polo titular do Goberno galego e no que participaron máis dun centenar de touroperadores do país nipón. Un acto no que tamén estiveron presentes o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Así, con esta presentación do turismo de Galicia en Xapón preténdese dar a coñecer todas as posibilidades que oferta a nosa terra neste ámbito, fundamentalmente o termalismo, a gastronomía, o turismo de natureza ou outras iniciativas divulgativas como a Ruta dos Viños ou a Ruta das Camelias, mantendo o Camiño de Santiago como produto estrela.

“Para nós é importantísimo facer este tipo de actos porque así podemos ter o contacto persoalmente e explicarlles de primeira man que podemos ofertar en Galicia”, asegurou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Na mesma liña, resaltou que “é importantísimo que desde Xapón se venda Galicia combinado, loxicamente –explicou-, con Barcelona ou con Madrid”, e lograr que quen nos visita “pase máis dun día na nosa Comunidade autónoma e, sobre todo, que coñeza en profundidade todo o que nós podemos ofertar como é o Camiño de Santiago, como produto por excelencia, a capital de Galicia, e esas Rutas da Camelia ou as coincidencias que ten Galicia con Xapón”.

O turismo internacional ten cada vez máis peso no destino Galicia, ao producirse un incremento do 10,1% na cifra de viaxeiros e do 6,4% no referente a pernoitas, acadando o máximo histórico de viaxeiros internacionais aloxados en Galicia en 2013. En canto aos turistas procedentes de Xapón en 2013 foron máis de 10.000 os que visitaron Galicia -un 5,2% máis que no ano 2012-, sendo 840 os xaponeses que recolleron a compostela en 2013.

Reunión con representantes do Camiño Shikoku

No día de hoxe o presidente da Xunta, o conselleiro de Economía e Industria e a directora de Turismo de Galicia tamén mantiveron unha reunión co gobernador de Kagawa, unha das prefecturas que forman o Camiño de Shikoku. Unha xuntanza durante a cal, segundo salientou Nava Castro, manifestaron o interese “dos catro gobernadores” das prefecturas polas que discorre o Camiño de Shikoku para que este sexa declarado Patrimonio da Humanidade.

Neste sentido, o Goberno galego manifestou o seu apoio a esta candidatura e o seu interese en establecer un protocolo de colaboración para a promoción conxunta do Camiño de Santiago e do Camiño de Shikoku, como xa se ten feito coa Prefectura de Wakayama para a divulgación do Camiño de Santiago en Oriente e do Camiño Kumano en Occidente. “Para nós é importantísmo porque así temos referentes en dúas partes de Xapón que son importantísimas, Shikoku, que é unha illa dentro do Xapón e sobre a Prefectura de Wakayama”, sinalou a directora de Turismo de Galicia ao respecto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia