O Xacobeo difunde a peregrinación de San Francisco na Canadian Company

A cidade de Victoria, en Canadá, acolle a asemblea anual das Asociacións de Amigos do Camiño existentes no país norteamericano. Ao encontro, que contou coa presenza de máis de 250 membros das diferentes asociacións, asistiu o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen participou cunha intervención sobre a actividade de Turismo de Galicia a través do Xacobeo. Ademais, Sánchez Bargiela afondou na programación cultural que se celebra en Galicia este ano con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Sánchez Bargiela explicou que con motivo desta conmemoración se celebra tamén en Compostela o I Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que terá lugar en maio de 2015 e convidou os membros das asociacións canadianas a participar no evento.

Ao tempo, explicou o papel do Xacobeo como entidade responsable de rede pública de albergues, con máis de 70 establecementos de aloxamento, así como da rede de camiños, con preto de 1.300 quilómetros e da difusión da cultura xacobea e a relación coas asociacións de peregrinos e estudosos da Ruta Xacobea.

Os asistentes ao encontro contaban tamén con ampla experiencia como peregrinos e como hospitaleiros. No ano 2013 desenvolveron traballos voluntarios en albergues de España e Francia membros da asociación canadiana.

A Canadian Company of Pilgrims conta con máis de 2.000 membros nas súas 11 delegacións rexionais. A maiores, a Association Québécoise des Pèlerins et Amis du Chemin de Saint Jacques conta tamén cun número similar de asociados. A sección de British Columbia, con sede en Victoria, ten 700 membros e a súa directiva está composta por Wendy Loly, Mary Virtue e Derek Gibson. Todas as asociacións teñen un papel moi activo de promoción, difusión, elaboración de materiais informativos e tamén de formación de hospitaleiros, aos que envían a albergues cos que establecen acordos.

Exposición sobre o Camiño en Singapur

A Nacional Library of Singapore acolle a inauguración da mostra Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Unha exposición desenvolvida por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo que poderá visitarse dende esta tarde ata o día 30 deste mes de abril e que está conformada por unha mostra audiovisual do fotógrafo Manuel Valcárcel e do músico Alexandro González.

Este proxecto expositivo xa leva percorrido cidades europeas como Sofía, Zagreb ou Bucarest, así como outras cidades de Australia, Nova Zelandia ou Filipinas. Conta nesta ocasión para a súa estadía en Singapur coa colaboración da Embaixada de España en Singapur, a National Library of Singapore, Turkish Airlines e Turespaña.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia