Xornadas de portas abertas no convento compostelán de San Francisco

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez inaugurou as Xornadas de Portas Abertas ao convento de San Francisco de Santiago de Compostela. Nava Castro realizou previamente unha visita á exposición sobre a historia do convento que pode verse no claustro da fonte.

A directora de Turismo de Galicia foi a encargada de abrir as Xornadas de Portas Abertas no convento de San Francisco, unha actividade que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, e que permitirá visitar o convento a todas as persoas que estean interesadas dende hoxe ata o día 30 de marzo.

Na súa intervención, a directora incidiu na importancia da figura de Francisco de Asís para a difusión e internacionalización do Camiño, así como na relevancia de preservar e difundir o seu legado patrimonial, histórico e artístico. Ao tempo, comentou que a programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago contribuirá á posta en valor dos recursos culturais asociados ao santo de Asís e á Orde que fundou, así como á dinamización turística e cultural do noso territorio.

A directora de Turismo incidiu nalgúns dos eventos máis relevantes que se celebran con motivo desta conmemoración como a gran exposición On the Road, que abrirá as súas portas antes do verán; as mostras Auga Doce e Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago, que se poden ver neste momento en Compostela; ou a primeira Travesía Náutica Xacobea, que se celebrará este verán; así como as dúas relevantes citas congresuais que a capital galega acollerá tamén neste ano, o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo, organizado en colaboración coa Organización Mundial do Turismo e a Secretaría de Estado de Turismo e os actos do I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, toda unha homenaxe a décadas de difusión e promoción nacional e internacional da Ruta Xacobea.

Nava Castro explicou tamén que nas visitas guiadas programadas para estes días de portas abertas poderanse apreciar os arcos góticos do edificio orixinal, o sepulcro de Cotolay ou tesouros como o Museo de Terra Santa, “un deses recursos únicos no mundo, que temos a honra de albergar na capital de Galicia e que, xunto coa valiosísima biblioteca do convento ou o monumento a San Francisco do adro, do escultor Asorey, configuran unha verdadeira visita inesquecible, para composteláns e para visitantes, que paga a pena potenciar e difundir”.

O horario de apertura ao público será de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas. Ademais, realizaranse diariamente visitas guiadas ás 12 e ás 19 horas. Un frade será o encargado de transmitir a historia do convento a través dun percorrido polo tempo. Veranse os restos arqueolóxicos da igrexa do s. XIII, os claustros cunha interesante mostra de documentos e obxectos litúrxicos, os arcos góticos do s.XIII, a antiga sala capitular, o refectorio, a igrexa e o museo de Terra Santa. A duración do percorrido é dunha hora e quince minutos.

O acto inaugural das xornadas incluíu intervencións e relatorios do ministro provincial franciscano Padre José Antonio Castiñeira, que pronunciou a conferencia A actualidade do carisma franciscano; do mestre vitralista, Luís García Zurdo, cuxa intervención se titulou Unha visión artística da peregrinación de San Francisco a Santiago e o seu Cántico ás Criaturas, así como pola profesora titular de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, María del Carmen Saavedra Vázquez; que falou sobre As Cortes de Carlos V no convento de San Francisco.

Fotos: D. Enrique Mourille
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia