Antonio Magariños Compaired propón en Madrid un percorrido pola bibliografía do Camiño de Santiago

O bibliotecario Antonio Magariños Compaired realizou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha proposta de percorrido pola bibliografía que produciu ao longo do tempo o Camiño de Santiago, na conferencia "Selección de fontes para o estudo do Camiño de Santiago. Unha proposta de percorrido". Con esta conferencia pechouse o Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos, cuxa décimotercera edición se veu desenvolvendo ao longo da semana organizada en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid, cuxo presidente, José Antonio Ortiz, presentou ao conferenciante, acompañado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que puxo o acento na clausura desta edición do Seminario.

Magariños formulou a súa proposta de percorrido bibliográfico coa dobre intención de reflectir os aspectos do Camiño de Santiago que mereceron maior atención á investigación e divulgación, así como de facilitar orientación sobre fontes escritas -en calquera soporte- para futuros estudos.

Comezou a súa suxestión de percorrido indicando algunhas obras para a referencia, é dicir, aquelas publicacións que permiten identificar e acceder a outras sobre os diferentes aspectos de interese, pasando a continuación a un segundo percorrido polas transcricións, traducións ou estudos analíticos e críticos sobre o Codex Calixtino, como fonte primeira.

O resto do "camiño bibliográfico" formulado polo conferenciante ofreceu unha selección das publicacións máis sobresaíntes sobre a orixe e historia das peregrinacións a Compostela; sobre as diferentes rutas e itinerarios; sobre a arquitectura, o urbanismo e as artes plásticas do Camiño; sobre a natureza e a paisaxe; sobre o impacto económico e a socioloxía das peregrinacións; e sobre a literatura e a música.

"Todo o percorrido está orientado pola funcionalidade de constituír un punto de partida no que apoiarse para afondar no acceso á información necesaria para o coñecemento da complexa armazón de enfoques, materias, disciplinas científicas ou noticias de interese pragmático dos ´ amigos do Camiño ´ ou de calquera cidadán interesado", explicou Magariños sobre a súa exposición.

Antonio Magariños Compaired realizou unha longa traxectoria profesional na Administración, a través de diversos ministerios. Na súa última etapa traballou no Ministerio de Defensa, onde desempeñou, entre outras responsabilidades, as de Publicacións e Patrimonio Histórico deste Departamento.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia