O Camiño de Santiago, entre as experiencias turísticas sustentables

A Organización Mundial do Turismo, axencia especializada das Nacións Unidas para a promoción e desenvolvemento dun turismo responsable e sustentable, así como universalmente accesible, ven de editar un libro co obxecto de promover os valores esenciais do turismo.

Na publicación, de 72 páxinas e a cargo de Anita Mendiratta e escrita en inglés, recóllense as experiencias turísticas de 14 personaxes baixo o título Historias de Turismo. Como o turismo enriqueceu a miña vida. Os personaxes desenvolven experiencias relacionadas co turismo en países como Costa Rica, Australia, Perú, Malaisia, Líbano, Ruanda, Chipre, Israel, Xordania, Vietnam, Exipto, Bélxica e Sudáfrica, ademais de España, que está representada a través do Camiño de Santiago.

O capítulo dedicado á Ruta Xacobea está escrito por José Antonio de la Riera, expresidente e un dos fundadores da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Galicia. O capítulo de De la Riera titúlase Tras os pasos dos peregrinos a Santiago. Nel, o autor exemplifica no lugar de Santiago de Olveiroa, no Camiño de Fisterra e Muxía, como o turismo ben entendido pode servir de elemento revitalización e transmisor de valores universais.

De la Riera fala da súa vocación percorrendo os Camiños de Santiago, de como foi posible restaurar e adaptar ao século XXI unha experiencia de peregrinación medieval e do fermoso de conservar e transmitir ás xeracións vindeiras o noso patrimonio material e inmaterial.

José Antonio de la Riera é un dos máis significativos coñecedores do Camiño de Santiago. Impulsou o equipo que no ano 1992 iniciou a recuperación do Camiño Portugués; traballou co sacerdote galego Elixio Ribas na investigación do Camiño do Sudeste ou Mozárabe galego e formou parte do equipo que sinalizou e puxo en valor os Camiños de Fisterra e Muxía e o Camiño Inglés entre Ferrol e Neda.

O primeiro dunha serie de libros

No prefacio do libro, o secretario xeral da Organización Mundial do Turismo, Taleb Rifai, informa de que case tres millóns de persoas fan turismo cada día arredor do mundo. O pasado ano, mil millóns de viaxeiros cruzaron as fronteiras internacionais. Segundo Taleb Rifai, “ (...) ao mesmo tempo que os establecementos abren as súas portas, a xente do mundo abre os seus corazóns e mentes para un maior entendemento”. Segundo explica Rifai, “o turismo non só é unha impresionante forza económica e de desenvolvemento senón que é xerador de valores e de comunicación entre as xentes dos pobos do mundo”.

No texto introdutorio, o secretario xeral da OMT anuncia que este libro é o primeiro dunha serie que este organismo se propón editar e no que se amosará como o turismo pode cambiar as vidas da xente e como a xente pode cambiar o seu futuro e o das súas comunidades.

VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago
No marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a cidade de Compostela acollerá o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo entre o 18 e 20 de setembro coa colaboración da Organización Mundial do Turismo. Este congreso converterá a Galicia no centro mundial de referencia das peregrinacións de todo o mundo e afianzará a imaxe da nosa comunidade como o gran centro de peregrinación, espazo de encontro de culturas e berce de todas as relixións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia