Os camiños kumano e de Santiago, e as relacións económicas, eixos do encontro Galicia-Xapón

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afondou con representantes do Xapón nas relacións bilaterais entre Galicia e o país nipón e destacou as relacións culturais existentes entre ambos os dous territorios arredor dos seus camiños de espiritualidade: o Camiño de Santiago, que culmina en Galicia, e o Camiño Kumano, en Wakayama. No encontro co mandatario galego, que tivo lugar esta tarde en San Caetano, participou unha representación do Parlamento do Xapón e o embaixador deste país en España, Satoru Satoh.

Durante a reunión entre a delegación xaponesa e o xefe do executivo autonómico abordouse a participación da Xunta en relación ao Ano Dual España-Xapón. Esta mesma semana (do 12 ao 15 de setembro), celébrase a feira de turismo de Tokio (Jata), na que a Xunta de Galicia estará presente dentro do stand de Turespaña. Ademais, durante varios sábados dos meses de outubro, novembro e decembro proxectarase no Instituto Cervantes de Tokio un ciclo de cine rodado en Galicia, con sete películas; de cara ao mes de novembro estanse organizando distintos actos de promoción de Galicia no Xapón; e no vindeiro ano presentarase o destino Galicia ante turoperadores especializados nas catro principais cidades de Xapón, celebraranse eventos de promoción dos produtos galegos e dous congresos en Wakayama e Tanabe sobre o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano.

Visita do Príncipe Naruhito e solidariedade polo accidente de Angrois
No encontro, os representantes do Xapón tamén lle agradeceron a Alberto Núñez Feijóo e a todo o pobo galego a cordialidade, o recibimento e o afecto recibidos con motivo da visita da S.A.I. o Príncipe Naruhito o pasado mes de xuño a Santiago, durante a cal tivo a oportunidade de percorrer un treito do Camiño, visitar o miradoiro de peregrinos do Monte do Gozo e asistir na Catedral ao funcionamento do botafumeiro.

Sobre este asunto, os parlamentarios xaponeses trasladaron ao responsable do Goberno galego o gran impacto que a visita tivo no país nipón, onde as imaxes do Camiño tiveron unha especial difusión.

Así mesmo, transmitíronlle ao presidente da Xunta a súa solidariedade co pobo galego e coas vítimas do accidente ferroviario de Angrois acontecido o pasado mes de xullo. E, nesta mesma liña, a delegación xaponesa recoñeceu expresamente o esforzo e o exemplo da sociedade galega durante o tráxico suceso.

Pola súa banda, o xefe do Executivo autonómico felicitou ao país nipón pola próxima organización, por parte de Tokio, dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos do ano 2020.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia