Incentívase aos peregrinos para que visiten a Fundación Cela de Padrón

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha unha campaña co obxectivo de incentivar aos peregrinos do Camiño de Santiago a achegarse á Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, Padrón, a través do uso da tecnoloxía de código QR, que lle permitirá a todos eles obter entrada reducida e un exemplar dunha obra do escritor galego. Cabe recordar que a Casa Museo se atopa dentro do horario especial de verán, polo que os visitantes poden achegarse á Fundación de luns a venres de 10 a 21 horas, de forma ininterrompida.

“Un bo lugar para facer un alto no camiño” é o que resulta ser a Fundación Pública Galega Camilo José Cela, e así o recollen nos carteis promocionais que se foron repartindo en albergues, oficinas de turismo, bares e diversos lugares de Padrón e arredores. Estes carteis contan cun código QR que os peregrinos deberán descodificar para poder obter as vantaxes ao entrar na Casa Museo. Desta maneira, no momento da descodificación do código, os peregrinos recibirán unha frase no seu Smartphone que, posteriormente, deberán ler á entrada da Fundación. Con isto, conseguirán a entrada reducida a 2 euros e o libro de agasallo.

Así, esta campaña é unha aposta da Consellería de Cultura e Educación para impulsar a visita ao legado do autor galego Camilo José Cela por parte dos peregrinos que a diario pasan polas terras de Iria Flavia. Esta promoción, aínda que está focalizada nos peregrinos, tamén está aberta aos diferentes turistas que se acheguen a Padrón.

Fundación pública e galega

A Fundación Camilo José Cela foi constituída en 1986 polo propio escritor padronés co propósito de conservar todos os seus manuscritos, libros e documentos persoais. Ademais destes fondos, conta con obras pictóricas e diversas coleccións que constitúen un importante legado artístico, cultural e persoal accesible a todos os públicos.

No ano 2012 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decretou o carácter público da Fundación, que pasou a denominarse Fundación Pública Galega Camilo José Cela, baixo tutela da Administración Autonómica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia