Preséntase un novo libro e unha web dos Bolechas sobre o Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou no Hostal dos Reis Católicos en Santiago a nova publicación infantil creada por Pepe Carreiro sobre Os Bolechas. Nesta ocasión, os personaxes infantís percorren a Ruta Xacobea e amosan aos máis cativos a importancia deste camiño de peregrinación para a nosa cultura e tamén os valores que se poden adquirir percorrendo os Camiños de Santiago.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o novo libro ‘Os Bolechas, o Camiño de Santiago’ é un xeito didáctico e entretido de aprender o verdadeiro significado da peregrinación, o motivo polo que miles de persoas se achegan cada ano a Compostela.

O libro transmite a través das aventuras de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, e mais do seu cadelo Chispa, o importante que é axudarse para conseguir chegar á meta do que nos propoñemos. Ao tempo, inculca o respecto pola natureza e polo patrimonio artístico e cultural que posuímos para poder transmitilo ás xeracións vindeiras.

Os debuxos de Pepe Carreiro percorren algúns dos enclaves máis importantes do Camiño Francés a Santiago e transmite a importancia de prepararse ben antes de acometer un novo reto. Segundo comentou a directora de Turismo, Nava Castro, a través desta publicación os rapaces poden descubrir que existe esta aventura e que eles mesmos poden percorrer o Camiño de Santiago. Nava Castro explicoulles aos nenos que asistiron á presentación da nova publicación infantil os consellos que se deben ter en conta cando se fai o Camiño.

A iniciativa inclúe tamén unha páxina web nova

www.osbolechas.com/peregrinos [nova venta] que se divide en dúas seccións: xogos e descargas. Os xogos inclúen actividades relacionadas con colorear, de habilidade ou de pregunta-resposta, ademais os cativos poden imprimir un diploma de peregrino cunha foto propia. No apartado de descargas, os cativos poden imprimir fichas sobre os personaxes ou sobre as etapas dos camiño así como recortables para facer figuras de papel en tres dimensións. Do mesmo xeito, a web contén enlaces ás redes sociais dos Bolechas en Facebook, Twitter e Youtube.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia