NamGoong Moon. Un artista coreano no Camiño de Santiago, na Casa da Parra

“Se o Camiño foi un dos nexos que construíu Europa, o lugar compartido onde os europeos habituados a guerras e querelas se atoparon para facer algo xuntos, o Camiño pode ser hoxe un dos principios dunha conciencia intercultural baseada no diálogo e na tolerancia”. Son as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a inauguración, na Casa da Parra, da exposición NaamGoong Moon. Un artista coreano no Camiño de Santiago.

Na súa intervención, o titular da Xunta salientou que un dos “prodixios” da ruta xacobea a Santiago foi prolongarse “máis alá dos seus límites coñecidos”. “O Camiño ten a virtude de estenderse e chegar aos lugares máis recónditos do mundo e ás mentalidades máis diversas”, aseverou, remarcando que, nos seus inicios, o Camiño foi un fenómeno europeo pero na actualidade converteuse xa en “algo universal”. O Camiño prolóngase “no tempo e no espazo”, abondou, incidindo en que chega intacto ao século XXI e “atravesa mares e continentes ata facerse presente en Brasil, Australia, Estados Unidos, Israel ou Corea”. “O Camiño volve ser un vínculo entre xente que non se coñecía, pero que despois da peregrinación ten algo importante en común”, argumentou.

Feijóo atribuíu á “nostalxia do absoluto” da que fala George Steiner, a explicación da atracción que exerce o Camiño sobre persoas “distintas e distantes”. Así, lembrou que tanto Paulo Coelho, como a australiana Dee Nolan, autora dun libro que relata a experiencia xacobea, Gal Lederman, unha moza israelí que comentaba estes días as súas peripecias na capital de Galicia, ou Martin Sheen e Emilio Estévez, co seu filme The Way, se sentiron atraídos por esta “chamada” da ruta xacobea.

“O Camiño remata en Compostela pero empeza en calquera lugar do mundo onde latan os valores máis profundos do ser humano”, afirmou o presidente da Xunta salientando que no caso concreto da exposición que hoxe se inaugura, foi Corea. “Alí –dixo-, sentiu NamGoong Moon unha atracción misteriosa que o leva a pensar que o Camiño reclama a súa presenza e a súa testemuña” e así recolle as pegadas que a ruta vai deixando na súa sensibilidade de artista a través de diversas técnicas como a pintura, a escultura ou a fotografía.

“Os vellos peregrinos de antano viñan a Santiago cunha nacionalidade e volvían á súa terra con dúas; adquirían a cidadanía europea e nos seus lugares de orixe convertíanse no xerme do europeísmo. Queremos que suceda o mesmo e que NamGoong Moon retorne ao seu país como galego e cidadán do mundo. Grazas a el, Corea e España, Corea e Galicia, Corea e Compostela, comparten un camiño e comparten o Camiño”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia