O CCG promove un debate sobrea protección dos camiños históricos en Galicia

O titular de Cultura e Educación presidiu no Consello da Cultura Galega a inauguración das xornadas “A protección dos camiños históricos en Galicia”, coordinadas por Carlos Nárdiz e Yolanda Barriocanal. Asemade estiveron presentes no acto a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

O conselleiro lembrou na súa intervención a importancia identitaria, social e turística dos camiños históricos, e afirmou que “temos que continuar protexendo unhas rutas, uns espazos de tránsito e intercambio, concibidos como solucións ás necesidades relacionais en cada tempo, procurando nas nosas actuacións tanto a coherencia territorial como a operatividade práctica.”

Por camiños históricos enténdese todos aqueles camiños que serviron ás relacións entre os núcleos anteriores ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVII. Estas vías inclúen, ademais das rutas de Santiago, as sendas megalíticas, castreñas ou as vías romanas; a rede de camiños medievais, que comunicaban mosteiros, vilas e cidades; e, finalmente, os camiños de roda e reais, que permitían as relacións comerciais de Galicia. Profundando nisto, o conselleiro comentou que “os camiños históricos están na orixe da vertebración espacial dun país e gardan, por iso, unha estreita relación coa configuración do territorio e a paisaxe.”

As xornadas teñen sido organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega –coordinado por Iago Seara–, e estrutúranse en tres sesións diferenciadas. A primeira ocúpase da “Valoración dos camiños históricos como eixes vertebradores e da patrimonialización cultural do territorio”. A segunda dedícase á “Protección dos camiños históricos: un feito máis nos procesos de patrimonialización cultural”. Finalmente, o xoves 7 e só en xornada de mañá o tema abordado será “A protección dos camiños de Santiago.”

Os Camiños de Santiago

Sobre os Camiños de Santiago, Xesús Vázquez Abad, lembrou que foi a partir do ano 2009 cando se acometeron as delimitacións da totalidade do Camiño Francés, do Camiño do Norte do interior ou do Camiño Primitivo, de todos os Camiños no termo municipal de Santiago, así como do Camiño Inglés no núcleo do eixo de desenvolvemento da Galicia Atlántica.

Neste sentido, o conselleiro anunciou no transcurso do seu relatorio o comezo da realización dos estudos precisos par ao recoñecemento oficial dos Camiños de Inverno e Portugués da Costa, “perseverando na liña de traballo iniciada na anterior lexislatura.”

“O Camiño de Santiago é, para as galegas e os galegos, parte da nosa identidade colectiva como pobo” dixo Vázquez Abad, que rematou a súa intervención subliñando “o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de concluír –no prazo máis breve posible– este labor de delimitación dos camiños do Norte, de Fisterra, da Prata e Portugués, achegándolles, deste xeito, maior seguridade xurídica, protección e garantías.”

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia