A Asociación de Amigos do Camiño de El Bierzo, premio Elías Valiña 2012

Un comité de expertos no Camiño de Santiago reuniuse no Centro Galego de Arte Contemporánea para fallar o XVII Premio Elías Valiña, que nesta edición concedeuse á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de El Bierzo. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza estes galardóns que distinguen o traballo de revitalización e promoción dos camiños de Santiago.

O xurado recoñeceu o labor de hospitalidade da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de El Bierzo, que durante máis de dúas décadas leva xestionando varios albergues de peregrinos e puntos de información. Ademais, esta asociación organiza periodicamente asembleas, congresos e conferencias para difundir a cultura xacobea, así como realizaron varias publicacións e traballos de recuperación de bens patrimoniais.

A esta XVII edición presentáronse oito candidaturas que se esforzaron por plasmar os moitos méritos do labor altruísta de conservación, recuperación, divulgación e investigación en torno á ruta xacobea. O premio, moi apreciado polo seu simbolismo no campo da dinamización asociativa xacobea, ascende a 10.000 euros, ao igual que as edicións anteriores. Nas últimas catro edicións gañaron asociacións estranxeiras, procedentes de Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Bélxica. Nestas ocasión optaron unicamente asociacións españolas, todas elas cunha recoñecida traxectoria a prol dos valores da peregrinación.

Asemade, o xurado distinguiu cunha mención especial a Jeannine Warcollier, traballadora da Asociación Francesa de Amigos de Santiago de Compostela, “polo seu infatigable traballo á sombra ao servizo do Camiño de Santiago durante varias décadas”. Tras o fallo do premio, entregáronse tamén os diplomas aos galardoados na edición de 2011, á asociación flamenca Vlaams Genootschap van Santiago de Compostela e ao sacerdote cántabro Ernesto Bustío Crespo.

Xurado dos premios

O xurado dos premios estivo presidido polo director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, e composto pola subdirectora xeral de Protección do Patrimonio Cultural, María Diz; o xefe de servizo de Protección e Fomento de Patrimonio, Antonio Díaz; o presidente do Comité Internacional de Expertos del Camiño de Santiago, Paolo Caucci; o doutor en Historia do Arte e profesor da USC, Angel Sicart; e o membro do Comité Asesor do Camiño de Santiago e experto investigador de temas xacobeos; Antón Pombo.

Ademais, tamén formaron parte deste xurado o representante da asociación flamenca Vlaams Genootschap van Santiago de Compostela (gañadora da última edición), Freddy Du Seuil; o presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino; a presidenta Asociación Cultural Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez; a presidenta da Cofradía del Apóstol Santiago da Coruña, Alejandra Álvarez de Mon Rego; e o presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago en Cartagena, José Hernández García.

Elías Valiña

A Consellería de Cultura e Educación creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de asociacións e persoas que, como Elías Valiña Sampedro, unha das persoas con maior compromiso cos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción das rutas xacobeas. Elías Valiña levou a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica e fomentou a creación de asociacións de amigos do Camiño, para velar pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia