O Comité Internacional de Expertos do Camiño celebra o 20º aniversario en Compostela

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiu ao Comité internacional de expertos do Camiño de Santiago con motivo do XX aniversario da institución. Ditos expertos, expuxeron os traballos realizados e os proxectos en marcha.

Entre as actividades realizadas polo Comité poden destacarse as funcións de asesoramento á Xunta de Galicia sobre toda clase de temas relacionados co Camiño de Santiago, a edición de publicacións científicas, a dirección e organización de congresos internacionais, a creación de novos proxectos e liñas de investigación adaptadas ás novas tecnoloxías, a produción de coñecemento e promoción do fenómeno xacobeo que os membros veñen realizando nos seus respectivos países, a creación e mantemento de centros de estudos xacobeos no estranxeiro, entre outros.

Nova base de datos IAGO

O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago informou ao presidente da Xunta que traballa na creación dunha Base de Datos de Iconografía Xacobea denominada IAGO. Trátase dun novo proxecto que permitirá á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo dispoñer dun corpus completo de iconografía xacobea consultable na rede e xerar o primeiro Thesaurus de iconografía xacobea; é dicir, reunir todas as imaxes de Santiago e toda a terminoloxía relacionada coa vida e lenda de Santiago e coas tradicións compostelás.

IAGO será unha ferramenta de grande utilidade para os investigadores e especialistas, pero tamén difundirá o patrimonio histórico, artístico e documental compostelán e europeo, contribuíndo á promoción do mundo xacobeo, a cidade e aos Camiños de Santiago.

O presidente do Comité, Paolo Caucci von Saucken, informou tamén doutros proxectos nos que traballa o grupo, como a organización dun seminario sobre o Códice Calixtino, a edición do terceiro número dea revista de investigación Ad Limina -cuxa publicación será en outono-, e outros proxectos relacionados coa conmemoración dos 800 anos da peregrinación de San Francisco a Santiago.

Comité de expertos

O Comité internacional de Expertos do Camiño de Santiago foi fundado no ano 1992 para asesorar no campo científico e cultural á consellería competente en materia de Cultura de cara á celebración do Ano Santo Compostelán de 1993, que supuxo o punto de partida da revitalización do fenómeno xacobeo na época contemporánea. Para a elección dos seus nove membros iniciais seguiuse o criterio de elixir aos investigadores máis coñecidos internacionalmente no eido da temática xacobea.

Na primeira reunión foi nomeado presidente o profesor Paulo Caucci von Saucken que continúa ostentando o cargo. Rematado o Ano Santo 93, decidiuse a continuidade do Comité, que foi funcionando con diversos formatos e dedicándose a diversos temas ata que no ano 2009 se recuperou a relevancia das actividades orixinais, máis centradas na investigación, o mundo científico e as asociacións xacobeas. Desde entón, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo desempeña o cargo de secretario, cargo que ocupa actualmente Xosé Paz Gestoso.

O Comité actual está composto polos seguintes membros electos:

1.- Presidente, Paulo Caucci von Saucken, profesor da Universitá degli Studi di Perugia e presidente da Confraternita di San Jacopo di Perugia.
2.- Manuel Castiñeiras González, profesor da Universitat Autónoma de Barcelona e conservador xefe do Museu Nacional d,Art. de Catalunya (MNAC).
3.- Klaus Herbers, profesor na Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg.
4.- Fernando López Alsina, profesor da Universidade de Santiago de Compostela..
5.- Robert Plotz, profesor da Universität Würzburg e presidente da Deutschen St. Jakobus-Gesellschaft.
6.-Adeline Rucquoi, directora de investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia (C.N.R.S.-EHESS, París) e presidente da Societé Française des Amis de Sanint Jacques de Compostelle.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia