O Xacobeo presenta en Lisboa unha mostra fotográfica sobre o Camiño

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo presenta en Lisboa por primeira vez a exposición Camiño de Santiago. Unha biografía en imaxes que se pode ver na capital lusa ata o 30 de xuño. Trátase dunha nova selección, inédita, de imaxes realizadas no seu día para a exposición itinerante Olladas no Camiño de Santiago polos fotógrafos galegos Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz.

A exposición, organizada polo Xacobeo a instancias do Centro Comercial Atrium Saldanha da capital portuguesa, ocupa un espazo coñecido pola súa promoción das actividades culturais e que está situado nun espectacular edificio deseñado por Ricardo Bofill que é símbolo da renovación da cidade. Na súa organización tamén colaboran a Delegación Oficial do Turismo Español de Lisboa da Consellería de Turismo da Embaixada de España en Portugal, e a Associaçao de Peregrinos Vía Lusitana. O horario de visitas é de 10 a 23 horas de luns a domingo.

En Portugal estase a producir un inusitado e crecente interese polo fenómeno xacobeo. A diferenza de outros países, os peregrinos portugueses aumentaron o pasado ano con respecto ao último Ano Santo, e así mentres no 2010 un total de 7.786 obtiveron a Compostela no 2011 fixérono 8.649. Respondendo a esta expectación, a S.A de Xestión do Plan Xacobeo intensifica alí as súas campañas promocionais e, ademais desta anunciada exposición, durante todo o 2012 a dos mesmos autores Olladas no Camiño de Santiago está a percorrer simultaneamente, cunha dobre colección, localidades do territorio continental portugués e dos arquipélagos das Azores e Madeira.

A exposición Camiño de Santiago. Unha biografía en imaxes

Nesta mostra lisboeta, os autores seguen coas súas imaxes o fío condutor do Camiño Francés, a cidade de Santiago de Compostela e a continuación Fisterra amosando as paisaxes históricas da ruta xacobea e a súa singular riqueza humana. Dende o seu particular punto de vista, estes artistas fixan os seus obxectivos no patrimonio monumental, as iconas xacobeas, a experiencia do Camiño e a emoción da chegada. En resumo, a exposición destaca a beleza da experiencia xacobea, a identificación do home coa natureza e a historia, co tempo pasado e co ritmo cotián dun camiño universal e aberto, ese camiño que conclúe en Compostela.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia