Abre en Santiago de Compostela un "welcome service" para peregrinos

A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, recibiu nas dependencias da Secretaría Xeral para o Turismo aos representantes das asociacións inglesa e irlandesa de Amigos do Camiño de Santiago que veñen de poñer en marcha un servizo de información en inglés para os peregrinos que chegan á Oficina do Peregrino a recoller a súa Compostela.

En representación da asociación inglesa – a Confraternity of Saint James- acudiron ao encontro de traballo coa secretaria xeral John Rafferty, o responsable e coordinador do proxecto e mais Marion Marples, a secretaria da organización; en representación da asociación irlandesa – a Irish Society of the Friends of St. James- acudiu o seu presidente, Padraig Mac Sweeney. Ademais, na reunión estivo presente tamén a responsable das Asociacións Xacobeas da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Secretaría Xeral para o Turismo, que traballa conxuntamente coas dúas entidades na promoción e difusión da ruta nas en Inglaterra e en Irlanda.

A iniciativa que hoxe se inaugurou oficialmente cunha misa do peregrino oficiada por un bispo inglés e na presenza de responsables e voluntarios das asociacións inglesa e irlandesa, consiste nun Welcome Service, isto é un servizo de información e acollida para peregrinos de lingua inglesa e que estará atendido por voluntarios de ambas asociacións -dous voluntarios cada dúas semanas farán quendas para cubrir o servizo- que terá a súa sede nun espazo que foi cedido pola Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, situada na Rúa do Vilar.

Segundo explicaron os responsables do proxecto, ás asociacións pioneiras poderían sumarse nun futuro outras grandes asociacións de peregrinos estranxeiras como as de Estados Unidos ou Canadá. As asociacións aportan voluntarios ao proxecto e cobren os gastos xerados. A medio prazo o proxecto podería constituír a base dun grupo estable de asociacións estranxeiras coas que traballar en Galicia de xeito directo e efectivo.

As asociacións de Amigos do Camiño no estranxeiro

A Confraternity of St. James é unha asociación histórica, unha das pioneiras fundada en 1983. Ten sido fundamental o seu papel como representante de asociacións de lingua inglesa ante a Catedral de Santiago como a australiana, a surafricana ou a canadiana. A asociación fundou e mantén dous albergues, un en Rabanal del Camino, en León, no Camiño Francés e outro en Miraz, Lugo, no Camiño Norte, que está a ser moi relevante na difusión da Ruta Norte no mundo de lingua inglesa. A súa web é a máis visitada sobre o Camiño en lingua inglesa e vende un gran número de publicacións na rede, as súas guías están moi actualizadas.

A Irish Society of Friends of St. James foi fundada en 1992 e conta con Embaixador de España como presidente honorario da mesma. Son os responsables de toda a información e distribución de credenciais en Irlanda, organizan proxectos culturais, conferencias e presentacións de libros.

Cifras de ‘Compostelas’

Segundo informou a Oficina do Peregrino compostelana, un total de 9.229 camiñantes recolleron o seu certificado de ter feito o Camiño de Santiago soamente nos 16 primeiros días de maio. No que vai de ano recolléronse na oficina un total de 29.463 Compostelas. Os camiñantes procedentes do Reino Unido que recolleron o certificado durante o mes de maio foron 218 e os irlandeses foron 348. No que vai de ano, 594 peregrinos procedentes do Reino Unido selaron a súa Compostela, os irlandeses que recolleron a Compostela no que vai de 2012 foron 729.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia