O Xacobeo inaugura na cidade alemá de Hamburgo a mostra Camiño de Santiago

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración co consulado español, ven de inaugurar en Hamburgo a exposición fotográfica itinerante Camiño de Santiago. Tomohiro Muda, unha visión dende Oriente que permanecerá nesa cidade alemá ata o 30 de abril. A exposición ten lugar na Christus Kirche, unha igrexa luterana do século XIV que foi reconstruída trala II Guerra Mundial e que está situada no zona de Wandbeck, un barrio de Hamburgo dende o que saen gran número de peregrinos a Santiago. Precisamente por isto, a parroquia e o seu pastor solicitaron a mostra, nun novo exemplo de ecumenismo cultural e relixioso no que o Camiño de Santiago exerce de vínculo de unión entre protestantes e católicos.

Á inauguración da exposición, que tivo lugar durante as celebracións do domingo de Ramos, asistiu o cónsul español Joaquín Pérez Villanueva xunto con unha nutrida representación de autoridades locais e numeroso público que abarrotou o santuario para contemplar as fotografías colocadas ao longo da súa nave central.

O autor da mostra, Tomohiro Muda, é un fotógrafo xaponés que peregrinou dúas veces a Santiago de Compostela fotografando o Camiño e ofrecendo así a súa propia visión del por medio dunha exquisita colección de fotografías realizadas nun expresivo branco e negro. Muda declárase amante do románico francés e sobre todo do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación xacobea.

A exposición presentouse por primeira vez en París en 2008, e alí o autor referiuse expresamente á igrexa de Vilar de Donas, declarando a fonda impresión que lle causara. Posteriormente, itinerou a Wakayama (Xapón), a Tokyo, onde se expuxo durante tres meses no Museo Aida, a México D.F. e a Santiago de Compostela.

No ano 2010 a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo compartiu esta mostra con varios concellos do Camiño de Santiago para facerlles chegar aos pobos galegos a fonda pegada que a experiencia da peregrinación deixou neste fotógrafo xaponés, e no 2011 itinerou por Alemaña: Lübeck, Hannover, Buxtehude, Hamburgo, Kiel e agora de novo en Hamburgo onde foi solicitada debido ao gran éxito acadado o ano anterior. A continuación, no mes de maio irá a cidade bávara de Ratisbona.

O autor da mostra

Tomohiro Muda naceu en 1956 na Prefectura de Nara, en Xapón. En 1982 empezou a súa carreira como fotógrafo independente. En 1988 presentou a súa primeira exposición, A Terra de Sherpa, con fotografías que tomou na localidade de Sherpa, no Himalaia.
Máis tarde viaxou por todo o mundo tomando imaxes de arte xaponesa, románica e bizantina, así como tamén de ruínas budistas e pintura rupestre china, no Borobudur, Angkor e Ajanta. Estas reuníronse baixo o tema “Espazos de oración, formas de oración” en exposicións fotográficas e publicacións.

Muda tamén expuxo numerosas fotografías como as que compoñen as coleccións fotográficas centradas na “luz” e na “presenza”, que inclúen Roma, O muro do tempo, Cara de Ferro e Retratos de Poli, cidade italiana entre montañas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia