O Xacobeo participa en Australia no festival "Ventana"

Durante todo o mes de marzo os australianos poderán visitar no Frankstone Arts Centre de Melbourne, capital do estado de Victoria en Australia, a exposición fotográfica En Camiño, da fotógrafa alemá Silvia Steinbach. Así mesmo, exhibirase o audiovisual Testemuñas de Peregrinos e proxectarase a curtametraxe para nenos O Fillo do Trono, unha película divulgativa infantil propiedade da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Estes eventos teñen lugar dentro do importante festival cultural do mundo hispano Ventana, que cada ano se celebra a comezos da primavera en Frankston, localidade situada na baía e área metropolitana de Melbourne. O evento está organizado pola municipalidade e polo Arts Centre de Frankston. Este ano está dedicado ao Camiño de Santiago como froito das negociacións realizadas no país oceánico pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que contribúe así ao amplo programa do festival.

A mostra fotográfica En Camiño, sobre a peregrinación en España, é da autoría da artista alemá Silvia Steinback. Consta dunha colección de 55 fotografías en cor e branco e negro cunha estética moi persoal. As imaxes recollen os camiños, as pontes, as igrexas, os mosteiros e catedrais e mesmo os peregrinos en Navarra, A Rioxa, Castela León e Galicia. Destaca tamén a presenza das rúas e prazas da cidade do Apóstolo e da súa basílica, representadas por sosegadas tomas nocturnas dos espazos urbanos e das arquitecturas máis senlleiras, e tamén de fotografías diúrnas dos peregrinos que chegan ata o Obradoiro, entran na catedral e descobren con novas miradas as naves, capelas e imaxes do grande templo do Camiño de Santiago. Ao final queda Fisterra, cunha enigmática e espectacular panorámica que parece sinal de identidade do estilo desta fotógrafa alemá.

O audiovisual En Camiño. Testemuñas de Peregrinos, trata en primeira persoa sobre as experiencias e ilusións dunha serie de peregrinos de diversos países, tales como Australia, Francia, Alemaña, Estados Unidos, Colombia ou España, que están a piques de chegar a Santiago. Cada un na súa lingua explica a súa peregrinación particular, os seus motivos, experiencias e o que esperan que lles agarda ao chegar a Compostela, constituíndo un conxunto de forte carga emotiva baseada en experiencias directas e reais.

A outra aportación da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo ao festival Ventana, dentro dunha coidada programación infantil, é a proxección do corto para nenos O Fillo do Trono, unha película propiedade da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo na que se explican aos máis novos as tradicións xacobeas nunha linguaxe apropiada para eles.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia